Temas: FUXIDAS

Todo listo para a 35ª Feira do Viño de Chantada

Do 10 ao 12 terá lugar o primeiro gran encontro enolóxico-festivo do calendario de feiras que exaltan os caldos da Ribeira Sacra.

Por GC Tendencias | Chantada | 10/03/2017 | Actualizada ás 11:34

Comparte esta noticia

Este ano hai que destacar o incremento na participación de adegueiros, un total de 16, 3 máis que nas últimas edicións. No recinto feiral tan coñecido xa polos bocois que fan as veces de stands poderanse degustar e mercar os caldos da zona ao tempo que se goza como sempre dun gran ambiente festivo que fai posible a boa predisposición da xente e a calidade musical dos grupos tradicionais e charangas que alí se dan cita.

Recinto feiral. Foto Chery.
Recinto feiral. Foto Chery.

O pregoeiro escollido este ano foi Bieito Rubido, Director do xornal ABC dende o 2010 e coñecido colaborador en tertulias de medios como a 1 de TVE e Onda Cero. Segundo nos conta Manuel Diéguez, este galego de Cedeira que fixo carreira en Madrid, coñeceu hai moi pouco tempo a zona ao visitar unha adega e a partir desta casualidade xurdiu a proposta para vir pregoar. O pregón será o domingo 2 ás 13.00 h. no escenario que se instala sempre no recinto feiral e a continuación dos saúdos institucionais.

Como cada ano, non faltarán a feira de oportunidades, o mercado de artesáns e produtos autóctonos e o mercado gandeiro, todos moi céntricos e próximos ao centro neurálxico desta Feira do Viño. E para amenizar a estancia dos visitantes a ambientación musical non pode faltar, mantendo neste caso o concello a filosofía de apostar por charangas de nivel como a NBA ou Os Festicultores  e polos grupos de música tradicional. Especial preocupación neste caso por poñer en valor a tradición musical de Chantada coa posibilidade de ver este ano o grupo Os Frades do Convento, Searas, a Banda de Música e a Escola Tradicional de Música de Chantada e a Banda de Gaitas do Concello.

Este ano preséntase tamén como novidade unha interesante opción de lecer divulgativo para os nen@s maiores de 3 anos. O sábado haberá obradoiros e ocioteca infantís na Casa da Música en horarios de 12.00 a 14.00 pola mañá e de 16.00 a 20.00 h pola tarde. Os obradoiros estarán relacionados co coñecemento do sector vinícola e adaptados, claro está, aos máis pequenos.

O concello aproveita tamén a ocasión para dar visibilidade con diferentes stands á Asociación Amigos do Folión de Carros, a Televinte, a unha iniciativa solidaria dos Clubes de fútbol e básket e tamén á concellería de Turismo que vén de presentar recentemente un vídeo promocional baixo o lema “Só faltas ti” para potenciar os valores turísticos do concello.

Temas: FUXIDAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta