Temas: SANTA COMBA

Santa Comba, o concello das investigacións xudiciais e dos “tablaos flamencos”

Dous alcaldes xa foron procesados e outro está sendo investigado. A actual alcaldesa defendeu a legalidade das actuacións do seu antecesor procesado e o anterior rexedor socialista foi dúas veces expulsado do concello por mocións de censura.

Por Xurxo Salgado | Santa Comba | 15/03/2017 | Actualizada ás 08:34

Comparte esta noticia

O Concello de Santa Comba é o máis parecido ao camarote dos irmáns Marx ou a algo peor. Nos últimos dez anos pasaron pola alcaldía seis alcaldes diferentes, dous deles tiveron que deixalo por procesos xudiciais e outro, por dúas mocións de censura en etapas diferentes. 

Unha das licencias de tablao flamenco para un dos locais de Santa Comba
Unha das licencias de tablao flamenco para un dos locais de Santa Comba

Neste baile de alcaldes de Santa Comba tamén chama a atención que dous deles foran procesados e outro estea sendo investigado pola xustiza. E ademais, que a actual alcaldesa saíra na defensa dun alcalde que dimitiu tras dar positivo nun control de alcoholemia, sendo denunciado por iso, e logo procesado por prevaricación.

O lugar con máis taboados flamencos do Estado

E como entender o que acontece neste concello do Xallas?.... Para coñecer o que pasa en Santa Comba é fundamental facer un repaso dos seus alcaldes e de como remataron. Desde 1991 a 2008 gobernou este concello o popular José Toja Parajó. Que, por ser, foi o alcalde que máis durou non concello. A partir de entón déronse unha sucesión de cinco máis en nove anos. Toja dimitiu a comezos do 2008. "Dimitín porque marchei para a privada", apunta en declaracións a GC, descartando que o fixera por ser investigado por un delito de prevaricación pola proliferación de “tablaos flamencos”.

Non obstante, un xulgado da Coruña o condenaba pouco despois e a Audiencia Provincial da Coruña confirmaba en 2012 a sentenza do Xulgado do Penal número 5 da Coruña que condenaba ao exalcalde a catro anos de inhabilitación para cargo público por prevaricación. a.

José Antonio Ucha, ex alcalde de Santa Comba, do PSdeG
José Antonio Ucha, ex alcalde de Santa Comba, do PSdeG | Fonte: EP

Cos seus 11.000 habitantes, Santa Comba chegou a ter 43 taboados flamencos,  sendo o municipio do Estado con maior número deste tipo de infraestruturas. A cifra resulta exorbitante se se ten en conta que en todo Andalucía había en 2011 tan só 61 destes establecementos. “Unha actividade que nesa localidade parece exótica”, dicía o xuíz tras a concesión dos 43 permisos e que “era claramente debido ao intento de aproveitar a prolongación da hora de peche” dos locais.  O xuíz entendía que a concesión de licenzas deste tipo de espectáculos a locais que eran, en realidade, pubs ou cafetarías, debíase a que puideran atrasar o seu horario de peche.

Porén, Toja Parajó, que desde entón deixou a política a pesar de ter ofertas para volver do propio Feijóo, quere deixar claro "que non había 43 tablaos flamencos, como se ten publicado, senón que eran só sete. O que pasa é que tiven unha mala avogada", suliña.

Novos cambios no concello

A Toja Parajó substituíno na alcaldía o socialista José Antonio Ucha, que non durou nin un ano. Era desaoloxado por unha moción de censura que puña ao fronte do consistorio ao independente de  IXSC, Miguel Pérez Fernández, cos votos a favor do Partido Popular.

E era este partido, en 2011 quen gañaba as eleccións e situaba como rexedor a Antonio Landeira Gallardo que tiña que dimitir catro anos despois. Dimitía por "decisión persoal", pero pouco antes dera positivo nun control de alcoholemia. Substituíno a súa tenente de alcalde, María José Pose Rodríguez, ata as eleccións de 2015, que volveu situar no poder ao socialista Ucha.

Pouco despois era investigado por un xulgado de Negreira por irregularidades en varios expedientes de contratación --entre os que se atopan os relativos á xestión da piscina e da auga--. E tamén outra investigación levouno a declarar ante a Policía Xudicial da Garda Civil  por dous delitos de estafa, falsificación de documento público mercantil e fraude de subvencións por solicitar subvencións para cursos de formación que non chegaron a realizarse a pesar de recibir axudas da Xunta de Galicia e da Unión Europea. Foi a coñecida Operación Qatedra.

"Eu dimitín por decisión persoal e non política", suliña Landeira en declaracións a Galicia Confidencial. Sobre as irregularidades en varios expedientes, indica que "de nove contratos, só un firmei eu, que é a da Escola de Música e todo quedou en nada". En relación á Operación Qatedra di que pedíu o sobresemento porque houbo un erro administrativo. "E a min me chamaron e dixeron que levara un avogado e que declaraba en calidade de detido pero en ningún momento me sentín como detido. Estiven alí 20 minutos".

A alcaldesa en funcións de entón, que é a mesma que está agora, María Pose , aseguraba non ter coñecemento de que haxa "ningún feito delituoso". "Como máximo, o que podería haber é un erro administrativo", dicía en defensa de Landeira.

"Nós consideramos que todo está ben feito e dentro da lei", remarcou a dirixente popular, quen se referiu ao seu compañeiro Antonio Landeira, para esgrimir que este "se brindou en distintas ocasións" para facilitar "toda a documentación" á Fiscalía co obxectivo de "máxima colaboración".

Condenado por dar positivo nun control de alcoholemia

Uns días antes, Landeira fora condenado a pagar 1.800 euros de multa e a permanecer oito meses e dous días sen o carné de conducir ao ser condenado por un delito contra a seguridade nun xuízo rápido ao que se someteu tras dar positivo nun control de alcoholemia.

Curiosamente, tras a dimisión deste alcalde popular, dimitía dous días despois o segundo tenente de alcalde da localidade, Jacobo Amarelle, quen explicaba que tiña a decisión tomada, pero que a decisión de Landeira  provocou que a "adiantara uns meses".

Pero os problemas xudiciais de Santa Comba non rematan aquí. Tras a chegada, novamente, á alcaldía, Antonio Ucha acusaba a súa antecesora de deixar pouco máis que ao concello na bancarrota. De feito, a súa primeira gran polémica foi por non correr coa organización das festas patronais de San Pedro porque, dicía non había orzamentos.

Outra moción de censura

En maio de 2016 o Partido Popular e Terra Galega, partido que apoiara inicialmente a Ucha,  presentaron unha moción de censura que o botou da alcaldía e volveu situar ao fronte do consistorio a popular María José Pose.

Pero unha nova investigación xudicial iniciada este xaneiro pon a outra alcalde no ollo do furacán. GC abordará este novo caso nunha nova reportaxe.

Antonio Landeira, ex alcalde de Santa Comba
Antonio Landeira, ex alcalde de Santa Comba | Fonte: QPC
Temas: SANTA COMBA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta