Un orzamento estratéxico para Lugo

Nun momento de crise económica como o actual non se trata de recortar os servizos públicos senón todo o contrario. É preciso que as institucións agudicemos o enxeño para poñer en marcha medidas estratéxicas que axuden a mellorar a economía da provincia, de tal xeito sexamos un punto de apoio para os nosos autónomos, os nosos gandeiros, os nosos pescadores... en definitiva, para todo tecido empresarial da provincia.

Por Lara Méndez | Lugo | 19/01/2010

Comparte esta noticia

Dende a Deputación de Lugo fixemos un grande esforzo por aumentar o Orzamento Xeral de 2010. Supera os 143.600.000 euros, o que supón un incremento dun 1,10% mais que en 2009. É un presuposto estratéxico para a provincia e está pensado para dar cumprimento ó primeiro Plan Estratéxico Provincial concluído en decembro, e que dá unha visión real e global de Lugo.

A que destinaremos estes cartos?  En primeiro lugar, a cooperar máis ca nunca cos 67 Concellos. As entidades locais están atravesando a peor crise económica dos 30 anos de gobernos locais democráticos e necesitan equipamentos sociais e crear postos de traballo para afrontar a crise demográfica que leva décadas castigando a esta provincia. Neste senso, poremos fin a débedas históricas, destinando partidas específicas para os municipios afectados polo canon hidroeléctrico, o mantemento dos parques de bombeiros e dos hospitais, que neste último caso, gustaríame lembrar que, debido á paralización do Presidente da Xunta no proceso de transferencias hospitalarias, a de Lugo segue a ser a única Deputación de España con hospitais ó seu cargo; unha situación que nos obriga a destinar 11,5 millóns de euros neste Orzamento.

Lugo entrará de cheo nas novas tecnoloxías co programa Innova-TE, tal e como reflicte o Presuposto, pero tamén continuaremos traballando cos municipos fronte a unha anterior Deputación que lles negaba a cooperación. Exemplos a desenvolver en 2010 desta colaboración son a contratación conxunta do subministro eléctrico, a análise do ciclo da auga, a contratación para a actualización dos datos catastrais, o POS, o plan de pequenas infraestruturas para Concellos de menos de 5.000 habitantes, o Plan Urban, e crearemos unha nova partida só para rúas nos municipios que supera os 2 millóns de euros.

O orzamento tamén está orientado a fortalecer o sector agrogandeiro, a verdadeira columna vertebral da economía lucense que urxe un modelo produtivo máis rendible, e que obterá da Deputación o primeiro centro público de recría de gando de España, cifrado en máis de 10 millóns de euros. Ademais, tamén está dirixido a potenciar o turismo, porque non nos conformamos con transformar o Xacobeo en beneficios para a provincia, senón porque queremos un modelo de turismo sostible e de futuro que supere a propia celebración do Ano Santo.

Creo que soubemos xogar con todas as pezas que conforman a Deputación para conseguir un aumento do Orzamento Xeral, acentuando a actividade do organismo provincial onde realmente somos útiles á provincia. É dicir, ós veciños dalles igual que parte do organismo provincial lles solucione o problema: se o Instituto de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES), a propia institución, a Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA)... o que queren é solucións, e na Deputación darémosllelas.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Lara Méndez Ocupa o cargo de Vicepresidenta Segunda da Deputación provincial luguesa dende o 14 de xullo de 2007. Foi Secretaria das Xuventudes Socialistas de Cervo e concelleira do Partido Socialista no concello mariñano. Secretaria da Organización Comarcal da Mariña e membro da Executiva Nacional Galega do Partido Socialista, forma parte ademais da Directiva da Asociación de Mulleres Rurais. É técnico medioambiental.