Unha máis cara ao play-off

O Leyma Coruña vence 83-71 a Lleida e chega sexto con 17 vitorias ao derbi con Breogán no Pazo. Ourense Provincia Termal gaña 81-65 a Peñas Huesca cun espectacular 15/26 nas triplas e suma xa 16 vitorias.

Por gcdeportes | A Coruña / Ourense | 18/03/2017 | Actualizada ás 09:14

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
Leyma Coruña 83:
Joan Creus (2), Justin Johnson (4), Larry Abia (2), Zyle (17), Sergio Olmos (8) –cinco inicial- Filip Djuran (17), Javi Lucas (9), Zach Monaghan (6), Ángel Hernández (7), Kyle Rowley (2), Sabonis (4) e Mikulic (5).
Força Lleida 71: José Simeón (8), Nevels (16), Sevillano (8), Demetrio (9), Papa Mbaye (2) –cinco inicial- Marc Martí (8), Hermet (4), Miki Feliu (6), Alzamora (8) e Marc Rubín (2).
Parciais: 17-20, 26-22 (43-42), 19-13, 21-16 (83-71).
Árbitros: José Antonio Pagán Baró e Javier Torres Sánchez. Sen eliminados.
Incidencias: partido da 28ª xornada da LEB ouro no pavillón de Riazor ante 2.500 espectadores.

Nemanja Mitrovic, autor de 6/7 en triplas, lanza a canastra. / Carlos Domarco (COB)
Nemanja Mitrovic, autor de 6/7 en triplas, lanza a canastra. / Carlos Domarco (COB)

Comezou con dúbidas o Básquet Coruña (5-14), superado pola intensidade de Lleida, pero recuperouse e igualou o encontro no segundo cuarto, e foi superior tralo descanso, apertando en defensa (19-13 no terceiro asalto) e sentenciando na recta final do choque. A falla de catro minutos, tan só gañaba de cinco (74-69), pero ao final, 83-71 en Riazor e a 17ª vitoria na liga. Destacaron nos locais o lituano Gediminas Zyle e Filip Djuran, ambos os dous con 17 puntos.

Os puntos de Nevels e Simeón puxeron por diante a Lleida (5-14) e Tito Díaz tivo que parar o partido con menos de cinco minutos disputados. Pero os interiores, Sergio Olmos e Zyle, achegaron o Básquet Coruña, que perdía 17-20 tras dez minutos. Coas triplas de Djuran e Ángel Hernández para un parcial de 8-0, o Leyma deulle a volta ao marcador (25-23). Lleida parou o partido e volveu poñerse por diante con dúas triplas de Feliu, pero Mikulic anotou cinco puntos consecutivos (39-38). Tras un intercambio de canastras e tiros libres, 43-42 ao descanso.

Trala reanudación, Leyma apertou en defensa e sumou un parcial de 7-0 cos puntos de Djuran (50-42). Lleida parou o partido e respostou cun parcial de 0-9 para poñerse 50-51. Foi a última vantaxe catalá: Zyle, con 6 puntos consecutivos, abriu oco para Leyma, que chegou 62-55 ao último cuarto. Lleida tentou agarrarse ao partido, pero en Leyma anotaban todos e mandaba 72-64. Nevels fixo a última tentativa para Lleida (74-69), pero de novo dúas canastras de Zyle sentenciaron (78-69). Borja Comenges parou o partido pero xa era tarde. Ao final, 83-71 e 17º triunfo dos de Tito Díaz, que teñen tres vitorias de vantaxe sobre Lleida e para entrar no play-off.

Ficha técnica:
Ourense Provincia Termal 81:
Christian Díaz (12), Mitrovic (24), Jukic (0), Dmitry Flis (18), Fran Guerra (10) –cinco inicial- Martín Rodríguez (3), Kapelan (1), Kyle Hittle (6), Devin Wright (5), Deyan Colado (0) e Van Zijverden (2).
Magia Huesca 65: Pablo Pérez (0), Gantt (3), Jorge Lafuente (2), Bulic (10), Albert Fontet (10) –cinco inicial- Gintvainis (19), Mikel Motos (12), Petrovic (0), Simovic (0) e Portález (9).
Parciais: 26-12, 11-19 (37-31), 21-14, 23-20 (81-65).
Árbitros: Daniel Pazos Pazos e Alberto Baena Arroyo. Eliminaron por cinco faltas persoais a Greg Gantt no Peñas Huesca.
Incidencias: partido da 28ª xornada da LEB Ouro disputado no pazo Paco Paz ante arredor de 2.000 espectadores.

Leyma Coruña celebra unha nova vitoria coa afección.
Leyma Coruña celebra unha nova vitoria coa afección. | Fonte: @basquetcoruna

Só un triunfo en cinco partidos levaba Ourense no 2017 no Pazo. Tras dúas derrotas pola mínima (Palma e Barça B), vitoria de principio a fin, por 81-65, ante Peñas Huesca, cun espectacular acerto do 58% nos lanzamentos triplos: 15/26. O COB suma 16 vitorias e ten, a falla de seis xornadas, dúas de vantaxe sobre o noveno clasificado. O play-off está máis preto, aínda que quedan por visitar o Pazo Burgos, Palencia e Breogán, tres dos favoritos ao ascenso.

O arrinque marcou o devir do encontro. Comezou Ourense cun parcial de 20-7, liderado por Christian Díaz e os puntos de Dmitry Flis. Malia o tempo de Huesca, a vantaxe seguiu medrando ata o 26-10, con seis triplas locais: dúas Flis, dúas Mitrovic, unha Díaz e ata Fran Guerra. Tras dez minutos, 26-12. Un 2+1 de Devin Wright e dúas triplas máis de Kyle Hittle e Ourense mantiña a vantaxe (35-21), antes do tempo morto oscense. Pero un parcial de 2-12, con dúas triplas de Gintvainis, achegaron a Huesca antes do descanso: 37-31.

Ourense volveu a ampliar a fenda trala reanudación con dúas triplas de Nemanja Mitrovic (43-33). Huesca loitaba por meterse no partido, pero a defensa de Jukic sobre Gintvainis e outras dúas bombas de Mitrovic serviron ao COB para rachar o partido (52-39). A falta de dez minutos, 58-45 e Mitrovic con 22 puntos, 16 no terceiro cuarto.

Dúas triplas de Bulic no arrinque do último acto achegaron a Huesca (65-55), pero Ourense respostou con triplas de Martín Rodríguez, Christian Díaz e Dmitry Flis (72-57) e Deyan Colado puido debutar na LEB Ouro e o pivote Bob Van Zijverden puido anotar a súa primeira canastra na categoría. Ao final, 81-65. A vindeira cita, en Logroño con CB Clavijo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta