Carmela Silva tacha ao PP de "partido de hooligans" por colocar carteis denunciando obras "paralizadas"

A presidenta da Deputación de Pontevedra acusa aos populares de "extremistas" e de pedir que se fagan obras "ilegais"

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2017 | Actualizada ás 14:37 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva (PSOE), constatou este venres a súa "absoluta sorpresa" ante a actuación do grupo provincial do Partido Popular e remarcou que os populares pasaron de ser "un partido de orde, de dereitas, conservador" a converterse "nun partido de hooligans".

Carmela Silva.
Carmela Silva. | Fonte: Europa Press

A dirixente socialista referíase a a campaña iniciada polo PP centrada en cambiar antigos carteis oficiais nos que se anunciaban unhas obras da Deputación por outros paneis nos que denuncia a "paralización" do proxecto por parte da administración provincial.

A pasada semana fixeron este cambio nunha estrada do concello de Meis, durante un acto no que convocaron á prensa e este mércores repetiuse a escena na variante de Rebón, en Moraña.

"Xa foron capaces de vir asaltar o pleno da Deputación e converterse en escrachistas", lembrou, antes de reprobar que estean a actuar como "extremistas" ao facer "aquilo que criticaban dos que eles chaman os novos partidos".

Advertiu, ademais, que agora están a pór estes carteis sen pedir permiso e que, "por tanto, están a saltarse a lei".

"OBRAS ILEGAIS"

Ao tempo, subliñou que agora o PP está a esixir con estes carteis que a Deputación "faga obras ilegais", xa que estes proxectos "non cumpren coa lei" en aspectos como a posta a disposición dos terreos necesarios ou que non contan coas autorizacións de Patrimonio, entre outras deficiencias.

En concreto, o proxecto da variante para o núcleo de Rebón foi anulado no mes de xullo pasado por non ter informe de Augas de Galicia a pesar de canalizar un regato, carecer de avaliación ambiental e non dispor de informe de Patrimonio aínda que discorre fronte a unha igrexa románica do século XII.

Mesmo había un informe do arqueólogo provincial que concluía --esgrimiu-- que as obras afectaban "de forma inaceptable ao patrimonio cultural de Galicia".

"ALTERNATIVAS LEGAIS"

Na rolda de prensa convocada para informar os asuntos da xunta de goberno, Carmela Silva lembrou que a Deputación presentou "alternativas legais" tanto á alcaldesa de Moraña como ao alcalde de Meis, ambos os do PP.

Ao tempo, agregou que a administración provincial "rompeu co tempo de Louzán, no que as obras se facían sen procedemento, con cheas de irregularidades e sen contar cos informes preceptivos doutras administracións e incumprindo en moitos casos as normas".

Carmela Silva puxo como exemplo desta forma de actuar do anterior goberno presidido polo popular Rafael Louzán á Pousada de Ribadumia, que está paralizada porque foi construída nun terreo que é propiedade do Arcebispado polo que o Concello non pode conceder a licenza.

"É isto o que queren os alcaldes do Partido Popular? pois non, por aí non imos ir", dixo. Finalmente, a presidenta da Deputación lamentou que con este tipo de accións de protesta o PP "engane aos veciños".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta