O Breo arrasa o Leyma

Un Cafés Candelas pletórico de acerto vence 104-73 e pasa por riba do Básquet Coruña de Tito Díaz, que encaixa a derrota máis avultada da Liga. Destacaron nos lucenses Thomas Bropleh, con 22 puntos e 5/8 en triplas, e Iván Cruz, con 19 puntos e 11 rebotes.

Por gcdeportes | Lugo | 24/03/2017 | Actualizada ás 23:55

Comparte esta noticia

Ficha técnica
CB Breogán 104:
Josep Franch (4), Rafa Huertas (9), Salva Arco (11), Fakuade (13), Matt Stainbrook (7) –cinco inicial- Iván Cruz (19), Lobito Fernández (6), Thomas Bropleh (22), Sergi Quintela (11) e Mario Cabanas (2).
Leyma Coruña 73: Zach Monaghan (14), Filip Djuran (9), Ángel Hernández (5), Zyle (16), Kyle Rowley (2) –cinco inicial- Sergio Olmos (2), Joan Creus (2), Javi Lucas (7), Justin Johnson (4), Tautvydas Sabonis (9), Mikulic (3) e Larry Abia (0).
Parciais: 24-14, 24-16 (48-30), 26-20, 30-23 (104-73).
Árbitros: José Vázquez García e Arnau Padrós Feliu. Sen eliminados.
Incidencias: partido da 29ª xornada da LEB Ouro no Pazo Provincial de Deportes de Lugo ante arredor de 4.000 espectadores, entre eles un cento de coruñeses.

Non houbo derbi. De principio a fin, un Breo espectacular pasou por riba do Básquet Coruña. Dende o 8-0 inicial, cun Thomas Bropleh estelar (22 puntos e 5/8 en triplas), 24 puntos arriba (42-18) xa no segundo cuarto. Tralo descanso, Leyma púxose a catorce (53-39), pero Breogán non dubidou, seguiu anotando con facilidade e recuperou os vinte de vantaxe. Acabou anotando 30 puntos no último cuarto para gañar 104-73, a derrota máis avultada da liga para o Leyma de Tito Díaz, que caeu por primeira vez co seu equipo no Pazo lucense en liga regular.

Case catro minutos tardou Zach Monaghan en anotar a primeira canastra visitante. Salva Arco abriu o choque cunha tripla e o Breo, concentrado en defensa e dominando o rebote, marcaba o ritmo. Sete puntos de Fakuade e Tito Díaz parou o partido tras sete minutos con 16-6. Thomas Bropleh anotou a súa primeira tripla, Iván Cruz outra e o Breo mantiña os dez de vantaxe tras dez minutos.

Lobito Fernández, defendido por Joan Creus no Pazo.
Lobito Fernández, defendido por Joan Creus no Pazo. | Fonte: @CBBreogan

Bropleh anotou sete puntos consecutivos no arrinque do segundo cuarto e Tito Díaz tivo que parar de novo o encontro (31-14). Pero o Breo seguiu ampliando a fenda e xa dominaba por vinte (39-16), tras un parcial de 15-2 en cinco minutos. Zyle e Mikulic anotaron de tres, pero respostou Bropleh con outras dúas. Ao descanso, 48-30.

Tras unha antideportiva a Bropleh e un parcial de 0-6, o Leyma achegouse no marcador (53-39), pero foi un espellismo. Nunca estivo cómodo no partido, e un Breo con moito acerto abriu de novo oco. Outra tripla e un 2+1 de Bropleh, e Tito Díaz tivo que pedir tempo con 67-44. Ao remate do terceiro cuarto, 74-50.

Coa lección aprendida en Melilla, o Breo non baixou o ritmo e chegou aos 30 de vantaxe (93-63) tras triplas de Sergi Quintela, dúas de Salva Arco e Rafa Huertas (os lucenses acabaron con 14/27). Sobraron os últimos minutos, nos que Tito Díaz tivo que parar o partido con 99-65 para chamar á orde aos seus. Ao final, 104-73. Ademáis dos 22 puntos de Thomas Bropleh, destacou Iván Cruz, MVP do partido con 19 puntos e 11 rebotes.

O Breo acadou a 19 vitoria no derbi co Leyma.
O Breo acadou a 19 vitoria no derbi co Leyma. | Fonte: @CBBreogan
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta