Temas: BNG ANA PONTóN

Pontón insta a “fuxir de toda autocompracencia e conformismo” no BNG

A portavoz do Bloque considera que Galicia "necesita un BNG unido e sólido" e asegura que o partido ten as "portas abertas" a todas aquelas persoas que "senten Galicia" e que queiran "un futuro mellor".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/03/2017 | Actualizada ás 20:05

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou á militancia do seu partido a "fuxir de toda autocompracencia e conformismo" porque considera que Galicia "necesita un BNG unido e sólido". "Non nos podemos permitir o luxo de fallar", subliñou no seu discurso no plenario da XVI Asemblea Nacional do BNG, que se celebra este sábado e domingo na Coruña, onde a organización frontista naceu hai 35 anos.

Asemblea Nacional do BNG, con Ana Pontón
Asemblea Nacional do BNG, con Ana Pontón | Fonte: Europa Press

No Palexco coruñés, e ante un gran número de militantes e simpatizantes, Ana Pontón comezou o seu discurso cuns versos do escritor Antón Aviles de Taramancos, a quen en 2003 se lle dedicou o Día da Letras Galegas: "Hai que romper de norte a sul Galiza, queimar as rozas dunha idade antiga e ver nascer o sol, mágoa fóra".

A continuación, a portavoz nacional do Bloque aproveitou para agradecer aos militantes o seu traballo: "Sen vós, nada disto sería posible", aseverou, xusto antes de dar a benvida ás persoas que se sumaron ao proxecto nacionalista. E é que desde a pasada asemblea, o Bloque tivo 400 novas afiliacións, así como a integración da Fronte Obreira Galega (FOGA).

Nesta liña, sinalou que o BNG se atopa nun momento de "agrandar a base social do nacionalismo", polo que fixo fincapé en que o seu partido ten as "portas abertas" a todas aquelas persoas que "senten Galicia" e que pensan que a cidadanía galega merece "un futuro mellor". Un futuro, defendeu, que "deixe atrás a corrupción e os recortes de dereitos".

"Non hai que ter medo a tomar as nosas propias decisións", pois ese é o camiño para "avanzar e modernizar" Galicia, dixo Pontón.

"Construír un futuro mellor non só é posible, senón urxente e necesario. (...) Depende de todos nós", destacou Ana Pontón, quen asegurou que "non hai que ter medo a tomar as nosas propias decisións", pois ese é o camiño, avisou, para "avanzar e modernizar" Galicia.

OBXECTIVO DA ASEMBLEA

O obxectivo desta XVI Asemblea Nacional é "pór a punto o Bloque" e "sementar a confianza neste proxecto", que naceu da semente, engadiu, do Partido Galeguista. Neste sentido, lembrou a Ricardo Carvalho Calero, quen participou na creación do Partido Galeguista, cando se cumpren 27 anos da súa morte.

Así mesmo, a portavoz nacional puxo como exemplo a xestión do BNG nos concellos nos que goberna: Pontevedra, Allariz, Carballo, etc. Este feito provocou os aplausos dos asistentes á XVI Asemblea Nacional, que comezaron a gritar: "BNG, BNG!".

Tras destacar a xestión do Bloque nos municipios nos que goberna, instou aos militantes do seu partido a "fuxir de toda autocompracencia e conformismo" porque Galicia, subliñou, "necesita un BNG unido e sólido".

"Somos unha organización asemblearia; a máis democrática do Estado español", expresou a portavoz do BNG.

Neste sentido, Ana Pontón referiuse ao 'Proceso Adiante', o cal serviu, relatou, para que os militantes debatesen durante este último ano. "E dese debate nacen as teses que se debaten nesta asemblea", precisou, xusto antes de facer fincapé en que o que non cambiou o BNG é que son nacionalistas e asemblearios: "Somos unha organización asemblearia; a máis democrática do Estado español".

"GALICIA É UNHA NACIÓN"

"Quen decide é a militancia e así ten que seguir sendo. A militancia é quen máis ordena no BNG", resolveu, xusto antes de facer fincapé en que o Bloque necesita facer do "diálogo" e da "unidade" a súa "carta de presentación" ante a cidadanía. "Soldar a unión de todos os galegos que pensamos que Galicia é unha nación. Galicia necesita máis que nunca ao nacionalismo e non nos podemos permitir o luxo de fallar", resolveu.

No seu discurso, Ana Pontón tamén cargou contra o PP por "sementar a discordia", "destruír dereitos" e "atacar" a lingua e a cultura galegas. Ante iso, asegurou que o seu partido é o "motor" para recuperar todos os dereitos perdidos: "Temos que pór en marcha unha cicloxénese afectiva que poña a Galicia no debate e que recupere o orgullo de ser desta terra".

A portavoz nacional do BNG tamén se referiu aos mozos e, para iso, narrou a súa visita a un instituto de Vilalba (Lugo). Alí, explicou, cando lle preguntou aos alumnos como vían o futuro, estes contestáronlle que "mal". "Pensaban que o seu futuro estaba fóra da nosa terra e acordeime dos eslóganes de Feijóo que din que Galicia vai na boa dirección", lamentou Ana Pontón, quen destacou a "obriga" de "deixar unha Galicia mellor" ás novas xeracións.

Neste sentido, considera que o BNG é unha "proposta ampla e beneficiosa para as maiorías sociais" de Galicia. Por iso, apostou por "construír un tempo novo con orgullo, humildade e autocrítica". "Moita xente pequena desde lugares pequenos pode cambiar o mundo. Viva o Bloque, viva Galiza ceive!", proclamou.

Os 120.000 apoios das autonómicas serviron de "estímulo para consolidar a recuperación política e electoral do nacionalismo".

AGASALLO A JORQUERA E INFORME DO CONSELLO NACIONAL

Ao acabar a súa intervención, Ana Pontón entregoulle un emotivo agasallo ao ex-portavoz parlamentario Francisco Jorquera: unha figura da escritora galega Rosalía de Castro.

A continuación, o secretario de Organización, Bieito Lobeira, presentou o informe do Consello Nacional. Este informe lembra o camiño andado polo BNG desde a súa XV Asemblea Nacional celebrada en febreiro de 2016.

Así, tras lembrar que as eleccións xerais de xuño do ano pasado certificaron as "peores previsións", con só 44.902 votos obtidos, o informe sinala que os 120.000 apoios das autonómicas serviron de "estímulo para consolidar a recuperación política e electoral do nacionalismo".

Precisamente, tras estes comicios autonómicos, o Consello Nacional destaca no seu informe que se produciu "un importante incremento das persoas afiliadas". Neste sentido, sinala que, desde a pasada cita asamblear, tivo 400 novas afiliacións, así como a integración da Fronte Obreira Galega (FOGA).

Ademais, entre outras cuestións, o máximo órgano de decisión entre asembleas dá conta da situación financeira da formación. Así, explica que dos 4,2 millóns de euros que debía en 2013 pasará a terminar o ano 2017 cunha débeda inferior ao millón de euros.

Ao comezar o acto votouse o regulamento da Asemblea, que foi aprobado con 478 votos a favor, dous en contra e seis abstencións. Tamén foron presentadas tres emendas: a primeira do Condado, a segunda de Pontevedra e a terceira da Emigración —esta última foi retirada—. As outras dúas non saíron adiante.

O BNG deixa clara a súa vontade de "ser a forza unitaria" do nacionalismo galego, aberta a "novas incorporacións colectivas e individuais". 

XORNADA DO DOMINGO

Xa na xornada deste domingo a militancia esta convidada a debater os documentos coas teses políticas, principios organizativos e regulamento. En concreto, no seu relatorio político, o BNG deixa clara a súa vontade de "ser a forza unitaria" do nacionalismo galego para o que se define como un movemento sociopolítico "aberto" e "capaz de integrar" e incide en que debe "esforzarse" para que isto sexa así percibido pola sociedade.

Neste sentido, ábrese a "novas incorporacións colectivas e individuais" e subliña a súa disposición de chegar a "acordos electorais con forzas e colectivos de ámbito galego, baixo a premisa o respecto do principio de auto-organización".

Para iso, márcase como folla de ruta elaborar un plan de traballo denominado 'Estratexia Avanza Galicia' para o período 2017-2022, que estableza o rumbo para o "avance e a consolidación política, social e institucional do nacionalismo galego nos próximos anos á marxe das conxunturas electorais".

Temas: BNG ANA PONTóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 22 comentarios

1 Fuilco

Nas fotos non se ve máis que vividores da política, liberados da CIG e parasitos do público. Ah, e a versión enxebre da Bescansa

1 Kollontai luguesa

E que ves aquí? http://www.crtvg.es/informativos/ri... Eu vexo moita tristeza e mágoa. Doeme que tiren polo chan o sono de Casal, de Castelao, a fortaleza de Rosalía, a dignidade de Bóveda... Coma ousades? Coma podedes? Non sei se es un troll ou non. Non me importa. Chegou a hora de dicirlles aos militantes e simpatizantes de Anova que se algunha vez foron en verdade nacionalistas galegas, que se senten só que Galicia precisa de quen tire adiante non sigan por este camiño e non sigan sendo comparsas dos que pretenden crear a nova pola do partido centrista-centrado-centralista de esquerdas. Non sigades a nos magoar. Non o merecemos. Tede altura de miras, vós e tamén o bloque. É posible buscar algunha forma de unión. Mirade ben este vídeo: isto é o que queredes?

2 Lorelai

Kollontai luguesa, eu vexo tristeza e mágoa no mal uso que se fai da nosa lingua. Algúns aman a patria pero pisan a lingua igual que se fose un trapo. "Coma ousades"? "Coma podedes"?

3 Kollontai luguesa

Dime, que mal uso cometín: coma por como.ben Por favor, es ridículo e carente de argumentos. Deixade de atacar á xente por como escribe porque vós sodes os que creades máis antipatía cara o galego. Coma ti debes de ter moito tempo libre, pois fíxaste en nimiedades froito da présa e dun teclado coa que unha está escasamente familiarizada. Coma se escribise mal, talibanciño, eu amo a lingua dos meus pais e avós aínda cando me din "Te chamo" porque é unha amosa de que a persoa que o di quérea falar e con xente coma ti nunca o fará. Fanáticos coma ti foron os que xeraron xenreira cara o galego en moitos falantes. Xentiñas que coñecían unha norma dubidosa e que lles dicían aos demais que non podían usar limigacha ou lemáchega porque a palabra era lesma. E coma ese exemplo miles que todos sufriron da man de talibanciños cunha normativa debaixo do brazo.