O uso conxunto das enerxías eólica e das ondas reduce á metade os custes de produción

Unha investigación do Campus Terra aposta por combinar ambas fontes de enerxía para fomentar a competitividade destas enerxías e o seu desenvolvemento.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 27/03/2017 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

O uso e o aproveitamento conxunto de dúas enerxías renovables como o son a eólica e a undimotriz reduce á metade os custes de produción, segundo conclúe a enxeñeira luguesa formada no Campus Terra da Universidade de Santiago (USC) Sharay Astariz na tese de doutoramento titulada ‘Combined wave and wind energy: synergies and implementation’, unha investigación dirixida polos profesores Gregorio Iglesias e Rodrigo Carballo que vén de defender na Escola Politécnica Superior de Lugo.

Parque eólico mariño
Parque eólico mariño | Fonte: Jumanji Solar.

A investigación desenvolvida por Sharay Astariz, ao abeiro do programa de doutoramento  da USC ‘Enerxías renovables e Sustentabilidade Enerxética’, antóllase como un estudo que reforza as potencialidades das enerxías renovables, en especial as enerxías mariñas como o son a producida polas ondas e a enerxía eólica offshore.

As dificultades que depara o aproveitamento deste tipo de enerxía e o elevado custe que este proceso implica, debido, en parte, ás duras condicións do medio mariño e ao elevado custe de produción, pero tamén debido ao incipiente desenvolvemento da tecnoloxía que se precisa, factores que están a cuestionar o aproveitamento destas fontes enerxética.

Fronte a esta realidade e para fomentar a competitividade destas enerxías e o seu desenvolvemento, a investigadora luguesa propón como alternativa o aproveitamento conxunto destas enerxías, dado que, esta combinación depara unha utilización máis racional do recurso dispoñible e mellora a sutentabilidade. Dunha banda, sinala Sharay Astariz, a combinación destes sistemas ofrece a posibilidade de reducir os custes da enerxía dadas as sinerxías tecnolóxicas que se producen entre ambas renovables.

A investigación de doutoramento que vén de presentar Sharay Astariz na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC analiza, de xeito pormenorizado, mediante simulación numérica, os beneficios que poden derivarse do uso de parques combinados de enerxía eólica e undimotriz. Os resultados das pescudas realizadas neste senso exprésanse en termos económicos, a fin de cuantificar o impacto que teñen estas sinerxías no custe da enerxía.

Os resultados obtidos permiten afirmar que o custe de produción da enerxía podería reducirse á metade a través do emprego de parques combinados, respecto do custe rexistrado independentemente en parques eólicos e de oleaxe. Esta menor carestía dos procesos de obtención e produción sitúa as enerxías mariñas en valores moito máis próximos aos doutras enerxías renovables moito máis consolidadas, o que confirma as múltiples posibilidades e a viabilidade económica do aproveitamento conxunto destas renovables, informa a USC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta