Os eucaliptos reducen a biodiversidade e secan os regatos galegos

Un estudo da Universidade de Vigo constata que os eucaliptais afectan negativamente a diversidade de macroinvertebrados e contribúen a secar os regos forestais.

Por Alberto Quian | Vigo | 30/03/2017 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

As plantacións de eucaliptos reducen a diversidade de macroinvertebrados en pequenos regatos forestais. Pero, ademais, os arroios cuxas áreas de captación están cubertas principalmente por eucaliptais presentan unha maior probabilidade de secarse completamente no verán. Así o conclúe un estudo publicado recentemente por investigadores do Laboratorio de Ecoloxía Evolutiva e da Conservación da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo.

Eucaliptos na zona de Cabo Ortegal / Pierre en www.flickr.com/photos/pierrepita/2962116512/
Eucaliptos na zona de Cabo Ortegal / Pierre en www.flickr.com/photos/pierrepita/2962116512/

Os resultados do estudo, levado a cabo en 16 afluentes do río Lérez (Pontevedra), ratifican os efectos negativos das plantacións de eucaliptos na biodiversidade dos ecosistemas fluviais e na disposición de recursos hídricos, sendo os regos ou regatos os máis castigados polas plantacións masivas desta árbore, puidendo chegar a secalos se non se establece unha franxa mínima de bosque de ribeira. 

Dirixido polo director deste laboratorio, Adolfo Cordero Rivera, e coa participación de Alba Martínez Álvarez Maruxa Álvarez, o estudo, publicado na revista Animal Biodiversity and Conservation, analizou os efectos dos cambios no uso do chan e, en particular, das plantacións de eucalipto, nas comunidades de macroinvertebrados. Contáronse macroinvertebrados e identificáronse ata o nivel de familia. Os usos do chan clasificáronse en cinco categorías utilizando fotografías aéreas: bosque autóctono, eucaliptal, zona agrícola, matogueira e zona urbana. 

Os científicos obervaron que a diversidade de macroinvertebrados —fundamentais para toda a cadea trófica dos ecosistemas fluviais— aumentou co tamaño da conca e coa proporción de superficie da conca cuberta por bosque autóctono, o cal resultou estar inversamente correlacionado coa superficie ocupada por eucaliptais. A riqueza de macroinvertebrados diminuía a medida que aumentaba o chan ocupado polos eucaliptos e houbo unha tendencia similar coa diversidade. Polo tanto, constatouse que canto máis eucalipto hai nunha conca, menos diversidade e riqueza de especies hai.

As observacións indican, ademais, que os regatos cuxas áreas de captación están cubertas principalmente por eucaliptais presentan unha maior probabilidade de secarse completamente no verán.

O rego de Maneses, en campo Lameiro
O rego de Maneses, en campo Lameiro | Fonte: UVigo.

De feito, os científicos atoparon que a temperatura media das augas dos regatos aumenta cantos mais eucaliptos hai, por un lado, porque os regos que pasan por eucaliptais teñen menos caudal e, por outro, porque son menos sombreados por estas árbores, incrementando asi a temperatura da auga e aumentando a evaporación. 

Dos 16 regos estudados, os que están en zonas exclusivamente dominadas por eucaliptais secaron completamente en verán; porén, os que se atopan en zonas de bosques autóctonos, non.

CAMBIO CLIMÁTICO

Esta observación, segundo os autores do estudo, engade un novo indicio concordante con outros estudos que conclúen que as plantacións de árbores de rápido crecemento, como os eucaliptos, afectan os recursos hídricos, que constitúen un servizo ecosistémico importante no contexto do quecemento da Terra e o cambio climático.

Con vistas a minimizar os efectos da silvicultura industrial, os científicos suxíren que manter ou recuperar bosques de ribeira podería mitigar as repercusións dos monocultivos intensivos de eucaliptos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Arturo

Os eucaliptos son unha salvaxada que está a destrozar Galicia. E non son os neozelandeses os que os prantan.

1 Don Pimpón

Pensaba que a evidencia do negativos que son os eucaliptais xa era patente e xa non habería estudios actuais para probalo. Evidentemente aso galegos danos igual que sequen os nosos ríos porque tamén lles abrimos as comportas aos embalses aínda que non chova con tal de facer cartiños... va que si?