A Xunta protexerá a carne de bois e vacas vellas galegas para evitar o fraude no mercado internacional

Este tipo de carne estase cotizando a grandes prezos en restaurantes de luxo de todo o mundo. O novo selo garantirá 36 millóns de euros en beneficios ás explotacións.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 30/03/2017 | Actualizada ás 14:53

Comparte esta noticia

Restaurantes de Inglaterra, dos Estados Unidos, de Francia e mesmo de Xapón están xa ofertando entre as súas delicatesem a carne de vaca e boi vello de Galicia. Unha carne que pola súa textura e o seu especial sabor ten moi boa acollida no mercado, xa non só galego, senón internacional. Por iso, e para evitar casos de fraude, a Xunta acaba de aprobar tamén a Indicación Xeográfica Protexida para a carne de vaca e boi de Galicia.

Carne de rubia galega do restaurante Iberica en Manchester
Carne de rubia galega do restaurante Iberica en Manchester | Fonte: Manchester Evening News.

O Goberno galego tenta, con esta medida, evitar que as medias e grandes superficies vendan carne baixo a denominación de “vaca e boi de Galicia” sen que sexan, necesariamente, galegas, tal e como está acontecendo na actualidade cun tipo de carne que ten moita saída comercial. De feito, con esta protección, Medio Rural estima que o volume de negocio para as explotacións galegas será de 36 millóns de euros.

Ademais, e segundo anunciou este xoves o presidente da Xunta, este novo selo beneficiará a 10.000 explotacións galegas que xeran 8.500 toneladas de carne para comercializar. “O que se trata é de evitar que outros vendan a carne fóra como se fora de Galicia”, indicou Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.

Ata o de agora só Terneira Galega tiña a Indicación Xeográfica Protexida (IXP). A partir de agora tamén se lle sumará a IXP de “Vaca e boi de Galicia”. Asemade, haberá un selo especial de “selección” para aquela carne que sexa de máxima calidade.

Condicións

Para cumprir as condicións da Indicación Xeográfica protexida, a carne deberá presentarse madurada e refrixerada, sen que poida ser conxelada en ningún momento ao longo do proceso de obtención e comercialización.

Pezuñas, o boi de raza rubia galega que chegou aos 2.200 quilos
Pezuñas, o boi de raza rubia galega que chegou aos 2.200 quilos

 

Ademais, a carne amparada procederá de vacas que teñan, polo menos, unha xestación antes do sacrificio, así como de bois castrados antes do ano de vida que superen, cando menos, os 48 meses de idade ao sacrificio. Tamén se valorará que o grao de engrasamento, a conformación e as características organolépticas sexan os idóneos e típicos deste tipo de carnes.

 

A nova Indicación Xeográfica protexida abrangue a totalidade do territorio galego. Os animais deben nacer, criarse, engordarse, sacrificarse e despezarse en Galicia, co obxectivo de preservar a orixe, a especificidade e controlar as condicións de obtención do produto. Cada fase do proceso e tipoloxía de carne constará dunha etiquetaxe concreta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Callón

Será: Para evitar A FRAUDE