Aparece morto o mozo que desapareceu na praia do Orzán

Senegalés duns 16 anos, xogaba ao fútbol no areal cuns amigos e tirouse ao mar para recuperar un balón.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/04/2017 | Actualizada ás 20:48

Comparte esta noticia

O corpo do mozo que desapareceu en augas da coruñesa praia do Orzán, un mozo de nacionalidade senegalesa duns 16 anos, foi achado sen vida apenas un par de horas despois de que se alertase do seu posible afogamento. En concreto, os primeiros avisos chegaron poucos minutos antes das 18.00 horas, mentres a confirmación do achado do seu cadáver materializouse ao redor das 19.30 horas.

Un helicóptero participa na busca dun mozo desaparecido na praia do Orzán
Un helicóptero participa na busca dun mozo desaparecido na praia do Orzán | Fonte: UC

Unha vez localizado, a embarcación da Cruz Vermella fíxose cargo do seu traslado ata o porto de Oza. Ata alí, ademais dos servizos médicos, desprazáronse os pais do mozo, que se atopaban na súa vivenda no momento da traxedia.

XOGANDO AO FÚTBOL

Segundo indicou o concelleiro coruñés Daniel Díaz Grandío, un dos que abandonaron a sesión plenaria para coordinar as tarefas de busca, o mozo atopábase xogando ao fútbol con catro amigos no areal e meteuse na auga para tratar de recuperar un balón.

Con todo, non era capaz de saír do mar, de modo que foron os seus propios compañeiros os que deron a voz de alarma ao 112 sobre que "o estaba levando a corrente".

RASTREXO

A partir dese aviso, despregouse o helicóptero de Salvamento Marítimo para sobrevoar a enseada, ademais dunha dotación acuática de Bombeiros, a Policía Local, Protección Civil, o Servizo de Gardacostas de Galicia, a Policía Nacional e o 061.

Tamén acudiron á zona unha embarcación da Cruz Vermella, así como varios psicólogos e socorristas da mesma organización.

Foi a aeronave a que primeiro puido dar unha aproximación do lugar onde se atopaba o corpo e a súa recuperación correu a cargo do grupo de rescate acuático dos Bombeiros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta