Eu tamén son galega, coma Zapatero...E a moita honra!

Sempre tiven un respecto inmenso polos compañeiros meus que se dedican a isto da política no País Vasco. Tamén polos militantes do Partido Popular que, coma no noso caso, honran a toda a sociedade co seu compromiso e co exercicio dun ideal mais aló do que o deber nos esixe a todos. Incluso tiven a oportunidade de convivir, durante 24 horas cun compañeiro concelleiro de Donostia, para vivir en primeira persoa o que significa ser cargo público nun lugar en que, a maioría silenciosa, vota pero non se atreve a opinar en público porque nunca sabe quen pode estar escoitando.

Por Marisol Soneira | Vimianzo | 26/02/2010

Comparte esta noticia

Foi unha experiencia única e o meu recoñecemento polo enorme valor destas persoas medrou aínda mais. Moitas veces me preguntei se eu sería capaz de asumir un compromiso semellante e, a pesar de que sempre me contesto que si, sempre me queda a dúbida de se o meu valor é semellante a miña determinación teórica.

Digo isto porque Rosa Diaz é unha desas persoas perseguidas e condenada a morte polo simple feito de defender unha opción política. Nunca compartín os seus postulados políticos nos ámbitos orgánicos do Partido; non a votei no XXXV Congreso Federal en que concorría a Secretaría Xeral; non compartín a súa estratexia e de Nicolás Redondo de alianzas “españolistas” contra alianzas “vasquistas”; vin con asombro o cambio radical do seu discurso pasando de ser a abandeirada do progresismo a pronunciar incendiarias soflamas que podería asinar Blas Piñar..., e a pesar de todo sempre lle tiven un respecto porque segue formando parte dese club que se xoga a vida por defender a súa opción política... hasta onte.

Cando alguén, coma Rosa Diaz, pensa que solo hai unha verdade, a súa por suposto, corre o risco de cambiar os papeis na obra en que se interpreta a si mesma. Como tantas veces ten acontecido coa maior parte das revolucións que no mundo tiveron lugar, dende a francesa onde a persecución do tirano dexenerou en tiranía, ate a mais recente de Cuba onde a pena por disentir é a morte por inanición.

Rosa Diaz, pretendendo descalificar a Zapatero e a Rajoy, pensou que nos insultaba  a tódolos galegos sen decatarse que se insultou a si mesma e a todas estas persoas orfas de líderes  que encabecen as súas fobias, as súas frustracións e a súa incapacidade manifesta de respectar ós que pensamos distinto, que pensaron atopar nela unha nova Mesías da Reacción. Como se sentirán hoxe todos os que pensaron ser o pobo elixido pola nova lideresa cando onte quedaron reducidos a triste condición, na súa acepción mais pexorativa, de “gallegos”...?

Ser galego non é nin mellor nin peor que ser doutro lugar, pero teño serias dúbidas de que un político galego descualificase a ninguén pola súa orixe xeográfica. Ser galego é asumir a súa pertenza a unha cultura, a un territorio e a un modo de entender a sociedade que, con discreción e modestia, pero cunha tenacidade férrea,  mantivo e preservou unha lingua e unha identidade que Rosa Diaz e os seu “pobo elixido” pretenden arrasar en aras a uniformidade idiomática e cultural.

A min pouco me preocupa o que digan os Mesias. Son agnóstica e non creo en ningún dogma. O que mais me preocupa é que algúns, por oportunidade política, deron alas, non fai moito, a estes “redentores” que, a historia é testemuña e exemplo, sempre acabaron converténdose naquilo que mais odiaron e criticaron. Se a estupidez desta “lideresa” serve para que algún vira a luz, pois benvida, pero que non esquezan a Goya: O soño da razón enxendra monstros.

E, a pesar dos monstros novos e antigos, Eu...?? galega e a moita honra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marisol  Soneira Tajes Nace en Camariñas en 1954, municipio do que foi concelleira desde 1987 hasta agosto de 2005. Alí foi unha das responsable e coordinadora da recuperación dos encaixes de Camariñas como actividade laboral e cultural. Deputada no Parlamento de Galicia desde 1999, onde exerceu de portavoz da área de emigración, Medio Rural e pesca. Actualmente é Sª de Acción Electoral da Comisión Executiva Provincial da Coruña, do PsdeG-PSOE.