Temas: AXENDA

Xogos populares, baile tradicional e concertos en Manzaneda

O Concello de Manzaneda e a Asociación Cultural A Rebusca organizan un ano máis un serán para recuperar as tradicións.

Por GC Tendencias | Manzaneda | 20/04/2017 | Actualizada ás 20:41

Comparte esta noticia

Este sábado 22 de abril a vila de Manzaneda acolle unha interesante xornada de xogos populares, baile tradicional e concertos no Campo de Bolos do Colexio e no local social da Asociación A Rebusca.

Xogador tirando aos bolos
Xogador tirando aos bolos

Trátase do IV Serán Vila de Manzaneda, actividade que naceu con claras intencións de recuperación e dignificación de tradicións tan nosas como son os xogos populares da billarda, a chave e os bolos celtas e tamén o baile e a música tradicional. Como cada ano aprovéitase tamén para darlle a benvida á primavera con esta xornada cultural e festiva.

Unha das novidades deste ano é a participación da Asociación Boca do Monte de Anguieiros da parroquia de Montefurado que participarán nos xogos populares e farán unha pequena demostración do xogo de bolos celtas nas terras do sur de Quiroga. As normas e forma de xogar cambian en algúns aspectos en relación a como se xoga en zonas de Ourense como Viana ou Manzaneda por exemplo.

En canto ao programa os xogos populares empezan ás 17.00 h. Xogarase un campionato de billarda, chave e bolos celtas e haberá unha pequena demostración de bolos celtas da Asociación Boca do Monte.

Para as 19.00 h. está previsto un obradoiro de baile co Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo que estará acompañado por Gorxas Bravas e o grupo local Os Bertolini.

Campo de bolos de Manzaneda
Campo de bolos de Manzaneda

E como fin de festa ás 23.00 h. os concertos do grupo folk ourensán Coanhadeira e os Tanto nos Ten. Para rematar, repichoca brava.

As actividades serán no patio do Colexio de Manzaneda e os concertos no local social da Asociación Cultural A Rebusca, a carón do mesmo colexio.

Grupo Coanhadeira
Grupo Coanhadeira
Temas: AXENDA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 xesc

Manzaneda coida a tradición. Parabéns!