PPdeG ve "ridículo" que Santos pida amparo ao Parlamento e lamenta a súa "mandíbula de cristal" ante "sinxelas críticas"

Tellado acusa á deputada de "utilizar a violencia de xénero para sacar tallada política" e cre que "non é digna de ocupar un escano"

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/04/2017 | Actualizada ás 18:38 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, tacha de "ridícula" a petición de amparo da deputada de En Marea Carmen Santos ante a Presidencia do Parlamento polo trato recibido por parte dos populares na Cámara, á vez que lamenta a súa "mandíbula de cristal" para encaixar "sinxelas críticas".

Miguel Tellado
Miguel Tellado | Fonte: Europa Press

O pasado mércores todos os grupos da oposición abandonaron a comisión Institucional do Parlamento galego despois de que o deputado popular Alberto Pazos Couñago asegurase --durante o debate dunha iniciativa de En Marea sobre discapacidade-- que non recoñece a Carmen Santos como "interlocutora política válida". Tras iso, a deputada pediu amparo á Presidencia da Cámara polo que considera "violencia institucional" por parte do PP.

En rolda de prensa, Tellado afirmou que o denunciado pola deputada de En Marea "non é admisible", porque "o PPdeG nunca insultou á señora Santos". "E nunca nos referimos a ela de forma pexorativa como si fixeron desde o seu propio partido", sostén.

E é que Tellado ve "ridículo" que Santos se senta ofendida por que Albertos Pazos se dirixira a ela como "esa señora". "É curioso a dobre vara de medir que ten a señora Santos, porque ela entende que non ofende cando chama asasinos de mulleres aos homes do PP, pero cando a ela a chaman 'esa señora' é unha grave ofensa", agrega.

"O populismo afíxose de forma moi rápida a golpear con puño de ferro, con insultos, con inxurias e descalificacións a quen non pensa como eles" mentres se afixo a encaixar as simples críticas con mandíbula de cristal".

"NON É DIGNA DE OCUPAR UN ESCANO"

Ademais, o secretario xeral do PPdeG remarcou que fai unhas semanas el mesmo avanzou que os populares non ían considerar a Santos como "interlocutora válida" se non se desculpa por "cualificar aos homes do PP como asasinos de mulleres". "Seguimos esperando esa desculpa que non chegou", advertiu.

De tal forma, acusa a Santos de "distorsión á hora de entender a realidade". E é que a Tellado parécelle "curioso" que a deputada de En Marea fale de "violencia institucional" cando o seu partido "é herdeiro dun grupo cuxo líder dedicábase a dar puñetazos nos escanos", así como a "insultar gravemente no día a día do Parlamento aos membros do PP", en alusión a Xosé Manuel Beiras.

"Non estamos dispostos a consentir o que consentimos na pasada legislatura", avisou, antes de aseverar que: "A señora Carmen Santos non é digna de ocupar un escano no Parlamento de Galicia".

"UTILIZA A VIOLENCIA DE XÉNERO PARA SACAR TALLADA"

Preguntado polas acusacións de Santos de que os populares dispensan un trato machista ás deputadas da Cámara, Tellado replicou que "suscitar o que suscita Carmen Santos si que é unha cuestión machista".

Neste sentido, argumenta que "cando un critica a unha muller non é machista por criticar a unha muller", e pídelle que non se apoie detrás das mulleres da oposición para tratar de xustificar o inxustificable". Por iso, cre "bastante lamentable" que se escude "no discurso fácil do machismo".

"Nós non somos machistas, a que cremos que utiliza a violencia de xénero para sacar tallada política é a señora Carmen Santos, que é a que dixo que os homes do PP mataban mulleres", sentenciou.

"SEGUIDISMO" DA OPOSICIÓN

Xunto a isto, Tellado botou en cara ao resto de grupos da oposición que fagan "seguidismo" dos "espectáculos que de forma constante queren protagonizar a señora Carmen Santos".

"Se entre todos queren convertela na lideresa da oposición nós non temos nada que dicir, parece que prefiren á señora Carmen Santos que ao señor Luís Villares (...) pero é síntoma claro da situación na que se atopa a oposición en Galicia", apuntou.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta