O custo da dependencia en Galicia é o menor no Estado

Un estudo mostra que Galicia é a comunidade autónoma con menor custo mensual total e con menor copago mensual medio estimado.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 01/05/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

O custo da dependencia en Galicia é o máis baixo en toda España. Así se desprende dun estudo realizado por investigadores do Centro de Estudios Sociosanitarios da Universidad de Castilla-La Mancha e publicado na revista Gaceta Sanitaria co título 'El copago de dependencia en España a partir de la reforma estructural de 2012'.

Dependencia
Dependencia | Fonte: EP.

O obxectivo dos investigadores foi estimar o custo da dependencia e o seu financiamento. En particular, determinar o copago dos usuarios tras a modificación introducida pola Resolución do 13 de xullo de 2012, segundo o grao de dependencia e a comunidade autónoma de residencia.

Estimouse o grao de dependencia a partir da Enquisa sobre Discapacidades, Autonomía Persoal e situacións de Dependencia de 2008. O custo da dependencia por grao e comunidade autónoma calculouse a partir da información do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia. O copago calculouse a partir da renda das persoas dependentes. A valoración monetaria dos servizos e a achega dos usuarios fíxose de acordo á normativa de 2012 e con indicadores de referencia comúns para todo o territorio estatal.

O custo total estimado en España foi de 10.598,8 millóns de euros (1,03% do produto interior bruto), sendo Andalucía, a Comunidade Valenciana e Cataluña as que maiores contías presentan, mentres que Galicia se sitúa como a autonomía co custo máis baixo. O custo total no noso país foi de 799.157.100,47 euros (o 7,5% do global estatal) para 104.507 dependentes (o 9,7% do total en España).

CUSTO MENSUAL MEDIO

O custo mensual medio estimado por persoa e grao de dependencia en toda España ascende a 543,42 €, 766,42 € e 1.258,20 € para os graos de dependencia I, II e III, respectivamente.

Estes custos varían segundo a comunidade: Galicia é a autonomia con menor custo mensual global para os tres graos, sendo este de 354,84 €, 551,79 € e 1.079,86 €, mentres que a Comunidade Valenciana é a que ten un maior custo global mensual para os graos I e II (1.024,13 € e 1.110,19 €, respectivamente) e a Comunidade Foral de Navarra para o grao III (1.535,15 €).

COPAGO MENSUAL MEDIO

A porcentaxe do copago medio estatal por usuario é do 53,54%, con diferenzas por graos e comunidades autónomas, aínda que en xeral os usuarios financian máis da metade do custo das prestacións en todas elas. En Galicia sitúase máis de seis puntos por debaixo da media, até o 47%.

O copago mensual medio estimado que unha persoa beneficiaria de prestación de dependencia debe de asumir en España é de 303,64 € (desviación típica: 173,89), 412,12 € (desviación típica: 192,71) e 661,62 € (desviación típica: 221,70) para os graos I, II e III, respectivamente. De novo, Galicia é a comunidade autónoma onde o copago realizado nos tres graos é menor, mentres que a Comunidade Valenciana para os graos I e II, e a Comunidade Foral de Navarra para o grao III, son as que presentan un copago maior.

En termos de porcentaxe, as estimacións recollidas polos autores deste estudo revelan que os beneficiarios de prestacións contribuíron a financiar máis da metade do custo destas. No grao I, o copago estatal é do 55,23% do custo. Se a prestación se recibe en Estremadura ou Castela e León, o usuario contribúe a financiar a porcentaxe máis alta (o 72,75% e o 60,60%, respectivamente), mentres que ter o domicilio en Canarias, Ceuta ou Melilla implica financiar a menor porcentaxe: o 42,91% en Canarias e o 47,55% en Ceuta e Melilla. No caso de Galicia é do 48,23%.

Respecto ao grao II, a porcentaxe de copago estatal descende ata o 52,98%. Por comunidades, de novo Estremadura, xunto a Aragón, mostran a maior porcentaxe de contribución, cun 65,65% e un 65,26%, respectivamente, mentres que Galicia e Canarias se sitúan no extremo inferior da porcentaxe de coparticipación, cun 44,56% e un 46,46%, respectivamente.

Por último, para o grao III, o copago nacional estimado ascende ao 52,43%, sendo neste caso os beneficiarios que residen na Región de Murcia e a Comunidade Foral de Navarra os que realizan a maior porcentaxe de copago (61,44% e 59,49%, respectivamente), mentres que os que habitan en Cantabria ou A Rioxa destinan unha menor porcentaxe de recursos (46,97% e 47,16%, respectivamente). En Galicia é do 48,28%.

TRES VECES MÁIS EN VALENCIA CA EN GALICIA

Para evidenciar as diferenzas entre autonomías, os expertos poñen como exemplo que para o grao I, o custo da Comunidade Valenciana é tres veces o de Galicia. Isto pode explicarse, segundo os autores do estudo, polo desigual tipo de prestacións con que se atende aos dependentes en cada comunidade autónoma, xa que estas son unha combinación de dispoñibilidade de recursos do ente público, de preferencias dos dependentes e das prestacións realmente recoñecidas.

En segundo lugar, aínda que o copago por graos de dependencia é similar no conxunto estatal, supoñendo a súa achega, de media, un 53,54%, tamén hai diferenzas de máis de 10 puntos respecto da media por comunidades autónomas e graos. Estas desigualdades na contribución dos usuarios xustifícanse polas diferenzas de renda dos beneficiarios e polo tipo de prestacións que reciben, aportan os investigadores do Centro de Estudios Sociosanitarios da Universidad de Castilla-La Mancha.

A Ley 39/2006, de 14 de diciembre, de Promoción de la Autonomía Personal y Atención a las personas en situación de dependencia estipula tres graos diferentes para a dependencia:

O grao I, de dependencia moderada, aplícase cando a persoa necesita axuda para realizar varias actividades básicas da vida diaria, polo menos unha vez ao día ou ten necesidades de apoio intermitente ou limitado para a súa autonomía persoal. O grao II, de dependencia severa, aplícase cando a persoa necesita axuda para realizar varias actividades básicas da vida diaria dúas ou tres veces ao día, pero non quere o apoio permanente dun coidador ou ten necesidades de apoio extenso para a súa autonomía persoal. E o grao III, de gran dependencia, aplícase cando a persoa necesita axuda para realizar varias actividades básicas da vida diaria varias veces ao día e, pola súa perda total de autonomía física, mental, intelectual ou sensorial, necesita o apoio indispensable e continuo doutra persoa ou ten necesidades de apoio xeneralizado para a súa autonomía persoal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Perican

E un dos vosos no Concello de Santiago deixa de utilizar 5.700 horas xa presupuestadas para axuda a domicilio de dependentes(Voz de Galicia de hoxe)

1 Gamela

En resume, a DEPENDENCIA estase a converter nun bo negocio para as empresas (públicass e maiormente privadas e concertadas) que se fan cargo dela mediante a colaboración das Administracións Autonómicas respectivas. Se Galicia é a que menor atención recibe tamén é a que menos copago realiza! Sempre fomos moi aforradores! O malo é que estes estudos deixan fora aos negociantes que operan na sombra e que levan sempre a parte do león sen que niguén contabilice estes recursos opacos! https://flic.kr/p/RboG8y