O espectáculo continúa

A política como espectáculo non diminúe.Nos últimos trinta anos, Ourense foi un territorio xeneroso na xeración de eventos propicios á eliminación do perigo da rutina e do aburrimento no desenvolvemento da vida política.

Por Xesús Veiga | Santia | 14/03/2010

Comparte esta noticia

Sabiamos que o grande peso relativo das administracións públicas no tecido económico e social desta provincia era o principal factor explicativo da grande maioría dos comportamentos da elite política dominante.Eramos coñecedores de cousas e casos que certificaban a presenza de graves deficiencias na calidade do réxime democrático realmente existente.Pero a realidade é tan potente que sempre nos sorprende.A caída “express” do cabalo socialista de Eladio Fernández e a inmediata entrada na casa popular gobernada pola familia Baltar demostra que para certas persoas que habitan no universo da política non hai ideas ou fronteiras morais que resulten infranqueábeis cando se trata de atopar o punto de apoio que mova o mundo dos seus intereses particulares.
Se Eladio Fernández considera que o partido dirixido por Manuel Vázquez e o presidido por José Manuel Baltar son equivalentes debería ofrecer os seus servizos profesionais a Zapatero e a Rajoy para conseguir o tan invocado consenso na loita contra a crise económica.Se pensa, poren, que as distancias entre ambas forzas políticas son significativas debería explicar por qué non abandona –en concordancia coa súa evolución ideolóxica- os cargos institucionais que ocupa por figurar nas listas do PSdG.A casa Baltar é grande, está ben equipada e nunca deixa na indixencia material a quen aporta quince minutos de gloria mediática aos seus administradores.

Se practica un minuto de reflexión autocrítica, Manuel Vázquez recoñecerá neste episodio a dura penitencia que ten que pagar por tratar de xogar no mesmo terreo e coas mesmas armas utilizadas pola familia Baltar.E comprobará, mais unha vez, que a versión orixinal sempre resulta mais convincente que a proporcionada polos imitadores.

E unha suxestión para a deputada María Quintas:non resulta congruente criticar ao goberno da Xunta pola banalización do papel da muller no “show” publicitario do día 8 de Marzo na Praza do Obradoiro e afirmar agora, sen reparo pola metáfora, que “os Baltar son os violadores políticos”.A violación é unha traxedia que non debe ser utilizada para describir unha farsa mais propia do poliédrico Entroido ourensán.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.