Ourense, capital internacional do teatro coa MITEU

Abril en Ourense é sinónimo de MITEU. Chega a XXII edición do festival de teatro universitario máis importante de Galicia e chega a finais de mes mais en versión extendida, máis forte que nunca e con máis citas imprescindibles e diversas, para todos os gustos, durante as máis de dúas semanas, do 20 de abril ao 6 de maio, que durará desta vez.

Por Jorge M.de la Calle | Ourense | 26/04/2017 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Nestes dezasete días haberá espazo para o teatro vangardista e clásico, a danza e o corpo, a voz e a música, o mimo e o circo, os monólogos e as obras corais, o teatro infantil e o adulto, o surrealista e o social, o estético e o reivindicativo, o propio e o de fóra universal. Máis de 30 espectáculos chegados de Colombia, Irak, Costa de Marfil, Holanda, Suecia, Portugal, Euskadi, Catalunya, toda Galicia e os máis diversos puntos de España, que se repartirán entre os habituais escenarios, o Teatro Principal e o Auditorio Municipal, e mais a Sala Pardo Bazán do Campus e o Liceo Ourensán, que se estrea como espazo escénico, dentro do emblemático e centenario edificio. Ademais, o Café Cultural Auriense acollerá como sempre os coloquios cos artistas e compañías tras cada obra. Coma sempre, a vertente social é do máis variado e entre os temas que abordarán estes días moitas das obras da MITEU están as migracións, o éxodo dos refuxiados, o abuso sexual, a loita contra o terrorismo, a tortura, a guerra, o narcotráfico e os sicarios, a memoria, o SIDA, o racismo, etc.

Un dos espectáculos que se poderán ver no Miteu de Ourense
Un dos espectáculos que se poderán ver no Miteu de Ourense | Fonte: Jorge de la Calle

A Aula de iniciación Rosaura de Ourense arrincou coma todos os anos a mostra cun espectáculo de rúa, “Natureza propia”, enxalzando a importancia das mulleres, que nesta edición contan cun protagonismo especial, a través dos traballos da colombiana Carolina Torres Topaga, dando voz ás mulleres dos sicarios do narcotráfico que “aman, odian, agardan e continúan” en “Mi parce”, así como a construción e deconstrución do feminino a través da Aula de Danza da Universidade de Extremadura, “Memoria Líquida”, a adaptación do clásico infantil de Andersen como “O traxe novo da Emperatriz” a cargo da aula Geppeto (Ourense) ou a nova e sempre sorprendente proposta de Roberto Salgueiro e a Aula de Teatro da Universidade de Santiago con “Cousas que trouxo a chuvia”. Pablo Carbonell repasou a súa vida entre terna e canallesca co monólogo “El mundo de la tarántula”, a medio camiño entre o cómico e o musical, mentres que Vaivén Circo (Andalucía) provocou a admiración do público coas súas incribles acrobacias e danzas, con guiños flamencos e celtas. Ata o momento tamén pasaron pola MITEU as compañías de teatro universitario Cordelia (Ourense), adaptando ao autor mexicano actual Alejandro Ricaño en “Sucesos Desafortunados”; Tecu Teatro (La Rioja), facendo o propio co romántico Bretón de los Herreros e “Todo es farsa en este mundo”; Corifeo Teatro (A Coruña), recreando a Ionesco e a súa surrealista e delirante “A Cantante Calva”; a Compañía de Teatro da USC de Lugo dirixida por Paloma Lugilde, levando ás táboas a un autor contemporáneo como Juan Mayorga e a súa reflexión sobre a loita contra o terrorismo, así como o dilema moral que expón no seu “Paz Perpetua”; e a compañía Miscutem de Lisboa, co espectáculo de creación colectiva “Fragmentos”, sobre a guerra.

Así, o espectáculo non fixo máis que comezar, e hoxe martes, 25 de abril, volverá a ser Portugal no seu día grande o que protagonice a MITEU, coa  xa habitual e imprescindible neste festival compañía Teatr’Ubi de Covilha, dirixida por Rui Pires, que levará o seu xenuíno e característico traballo corporal, sempre poético e sempre sorprendente, desta vez con dramaturxia do propio Pires e Sérgio Novo sobre textos de William Shakespeare.

O mércores 26 será a ocasión de botar unha ollada ao teatro de lugares do mundo moi afastados, pero sempre de actualidade. Al Salam Group of Modern Art, dende Irak e coparticipando Holanda e Suecia, mostra o mundo a través dos ollos dun “home, un neno, un ser de Irak que non coñeceu máis que os pesadelos da inxustiza e as guerras, pero, a pesar diso, segue empeñado en manter a súa dignidade, a súa identidade, a súa humanidade, o seu soño e a súa esperanza”, cunha selección de versos de varios poetas iraquíes. Ao rematar, o escritor, poeta e hispanista Muhsin Al-Ramli, un dos persoeiros máis importantes da literatura iraquiana, ofrecerá unha charla sobre a realidade do seu país no mesmo Teatro Principal.

 

O resto da semana continuará o xoves 27 co humor da man de Bruno Martins (Portugal) e “One man alone”, que provocará seguro as risadas do público co seu traballo físico e xestual, sen voz, ao igual que o de Clownic (Tricicle), que ao día seguinte, venres, ofreceranos vía “Ticket” unha viaxe pola historia do cine de humor, mimo e clown, tomando “como punto de partida as secuencias cómicas máis universais: Charles Chaplin, Irmáns Marx, Keaton, Laurel & Hardy, Tati, Mr. Bean e Monty Python, entre outros, para transformalas e trasladalas ao escenario reinterpretadas” á particular maneira dos cómicos cataláns, “cun só obxectivo: facer rir ao público cada 10 segundos”.

A primeira semana rematará co 7º Encontro de Danza Interuniversitaria no Auditorio (sábado 29), con grupos de toda Galicia, a adaptación “libérrima” de “Noite de Reis” de Shakespeare a cargo do Teatro El Mayal-Ule.León (domingo 30), así como a de textos surrealistas de García Lorca pola Aula de Teatro da Universidad de Almería en “Lorca imposible” na mesma xornada. Antes terán pasado pola MITEU tamén a Aula de Teatro “Normal” da UDC (A Coruña), interpretando “O home do saco. Seis pezas breves de Juan Mayorga” (xoves 27), a Aula de Teatro de la Universidad de Burgos con “¿Quién eres? ¿De dónde vienes? ¿A dónde vas?” (venres 28) e a Aula de Teatro de Vigo (sábado 29) con “Éxodos” , sobre o actual drama dos refuxiados

.

O tema das migracións seguirá vixente na segunda semana de MITEU, con “Fortaleza Europa” (xoves 4 de maio), texto de Tom Lanoye a cargo da RESAD (Madrid), desta vez coas que protagonizaron os propios europeos coas dúas guerras mundiais, entre outros moitos temas derivados do fascismo e o capitalismo. Os autores clásicos seguirán pasando reinterpretados por compañías universitarias, como Antonio Buero Vallejo e “La doble historia del doctor Valmy” (luns 1) da man da Compañía de Teatro de la UPNA (Pamplona), ou “La Marquesa Rosalinda” de Valle Inclán (mércores 3), pola UC3M. Carlos III de Madrid. Lorca volverá, máis unha vez, na súa vertente musical, da man de Samuel Diz (xoves 4), nunha das actuacións musicais que sempre organiza a MITEU, e que este ano ten máis importancia grazas á coordinación coa ICC Week, xornadas que comezarán o martes 2 de maio con Depedro, e continuarán na mesma semana con artistas internacionais tan importantes como Micah P. Hindson, e outros alternativos como The Funkles, Bigott, Malandromeda ou Juan Magan. Ademais, e de volta xa á programación da propia MITEU, o cantautor catalán Albert Pla, sempre nihilista, sempre surrealista e hilarante, traeranos o seu particular universo sempre marcado pola teatralidade, con “Enunplisplasmúsica” (venres 5).

Na recta final, o venres 5 de maio, a compañía Bin Kadi So de Costa de Marfil reversionará dende a perspectiva africana o mito de Xoana de Arco en “Sainte dans l’incendie”, e xa o sábado, como é tradición, a compañía residente Maricastaña, dirixida polo propio director do festival Fernando Dacosta, pechará o festival cunha nova adaptación dun dos autores favoritos do actor e responsable da mostra, Alessandro Baricco, desta vez con “A última cornixa do mundo”. Antes, o xurado, o persoal técnico e mailo público do festival terán entregado os seus respectivos premios, dentro da gala de clausura, e a organización o premio especial, desta vez aos chóferes que teñen trasladado ao longo de máis de dúas décadas a tantas compañías e que “fixo que achegar a sitios complicados fose doado”. Os vascos Kukai Danza porán esa mesma noite o broche a máis de quince días de teatro, con “Oskara”, coreografías que unirán  “a raíz máis popular e a expresión máis vanguardista”.



Máis información sobre contidos, horarios, lugares e prezos na web da MITEU www.miteu.es



Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta