A Xunta incrementa o valor dos inmobles urbanos que se utiliza para a tributación dos impostos autonómicos

A Axencia Tributaria de Galicia actualizará desde o 1 de maio os coeficientes sobre os valores catastrais, cun incremento medio do 2,9% respecto dos vixentes, que se modificaron por última vez en 2015.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/04/2017 | Actualizada ás 19:05 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A Axencia Tributaria de Galicia actualizará desde o 1 de maio os coeficientes sobre os valores catastrais, cun incremento medio do 2,9% respecto dos vixentes, que se modificaron por última vez en 2015.

Esta modificación, segundo asegura a Consellería de Facenda nun comunicado, baséase en informes técnicos e na información de sociedades de tasación, e "vai na liña do que mostraron organismos estatísticos como o INE, cuxo índice de prezos da vivenda indica que o prezo da vivenda creceu un 3,3% entre os anos 2015 e 2016".

Así as cousas, destaca que o valor dos inmobles urbanos, que se utiliza para a tributación dos impostos autonómicos, manterase "un 46% por baixo dos valores de 2012".

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle este venres unha resolución da Axencia Tributaria que é a que procede a actualizar estes valores "para recoller a evolución á alza dos prezos no sector inmobiliario nos últimos meses".

Os coeficientes sobre valores catastrais utilízanse na valoración de inmobles urbanos para liquidar principalmente dous impostos autonómicos: o imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados e o imposto sobre sucesións e doazóns.

EXENTOS

En todo caso, Facenda matiza que estes coeficientes utilízanse igual "aínda que despois o contribuínte quede exento de pagar o imposto, como sucede desde o 1 de xaneiro de 2016 co 99% dos contribuíntes galegos cando reciben unha herdanza por vía directa".

Coa reforma aprobada pola Xunta, lembra, os contribuíntes galegos xa non teñen que pagar impostos cando reciben unha herdanza inferior a 400.000 euros por herdeiro, sen contar ademais a vivenda habitual.

Tamén fai referencia a consellería á ampliación do programa de impostos cero no rural, que fai que mozos, familias numerosas e persoas con discapacidade non paguen impostos cando adquiren no medio rural unha vivenda para uso habitual.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta