Vero, a por outra Champions

O PSG de Vero Boquete elimina o Barça nas semifinais da Liga Europea e a xogadora compostelá disputará, o vindeiro 1 de xuño en Cardiff contra o Olympique de Lyon, a súa terceira final con tres equipos distintos. Xa gañou o título no 2015 co FFC Frankfurt alemán.

Por gcdeportes | Compostela | 30/04/2017 | Actualizada ás 10:42

Comparte esta noticia

Será a terceira final da Champions para a xogadora galega, á procura do seu segundo título. Ante 19.192 espectadores no parisino Parque dos Príncipes, o PSG da compostelá Vero Boquete eliminou o Barcelona tras impoñerse 2-0 tamén no partido de volta. Na ida, xa venceran as galas 1-3 no Miniestadi.

Vero Boquete celebra cos afeccionados a clasificación para a final.
Vero Boquete celebra cos afeccionados a clasificación para a final. | Fonte: @PSG_feminines

Os goles do equipo parisino chegaron no segundo tempo, xa con Vero Boquete sobre o céspede. Desta volta, a compostelá non foi titular, e saiu no descanso. No minuto 56, Delannoy marcou de penalti e no 60 a vasca Irene Paredes sentenciou para o PSG. No total da eliminatoria, 5-1. “Nous sommes à la finale de la Ligue des Champions!! Et maintenant, nous commençons à rêver plus grands… Allez PSG!! #RoadToCardiff”, escribiu Vero Boquete no seu twitter.

O rival das francesas na final de Cardiff, o vindeiro xoves 1 de xuño, será o Olympique de Lyon, que eliminou o Manchester City malia a derrota por 0-1 grazas ao 1-3 do partido de ida. Deste xeito, haberá por primeira vez unha final de Champions entre dous equipos galos.

Co PSG francés, a xogadora galega disputará a terceira final da Champions da súa carreira, cada unha cun equipo diferente. Perdeu no 2014 a primeira en Lisboa co Tyresö sueco (3-4 ante o Wolfsburgo alemán), pero venceu no 2015 en Berlín co FFC Frankfurt alemán, 2-1 precisamente ao seu actual equipo, o PSG. “A Champions é a competición que me fai máis ilusión”, repite sempre Vero Boquete.

Vero Boquete (Compostela, 9 de abril de 1987) marchou moi nova de Galicia, con 18 anos, e principiou unha exitosa carreira como profesional, xogando en equipos de España, Estados Unidos, Rusia, Suecia, Alemaña e agora Francia. Pasou polo Zaragoza (2005-08), Espanyol (2008-11), Buffalo, Chicago e Philadelphia (2010 e 2011), Energy Voronezh (2011), Tyresö sueco (2012-2014), Portland Thorns (2014), FFC Frankfurt (2014-15) e Bayern Múnic (2015-16), sendo o PSG o seu 12º equipo profesional.

A ledicia de Vero no Parque dos Príncipes tralo pase á final.
A ledicia de Vero no Parque dos Príncipes tralo pase á final. | Fonte: @PSG_Femenines

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta