Enchoupados na corrupción

As pescudas que estamos a coñecer referentes á Operación Lezo confirman, si, a convicción de que o PP autonómico de Madrid desenvolvíase, polo menos até o 2015, nun estado de corrupción sistémica, que aqueixaba ao conxunto dos seus níveis. Neste senso, mesmo a recoñecida culpa in vigilando da lideresa Esperanza Aguirre semella xa superada. Avisos abondo tivo das trapalladas do Ignacio González e do Francisco Granados e non actuou de xeito ningún, polo que non pode afastar de si a sombra da sospeita.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 30/04/2017

Comparte esta noticia

Ben, a corrupción é sistémica no PP de Madrid e no PP do País Valencíano. Mais, que pasa no nível estatal? É un problema dunhas poucas mazás podres no cesto? Non, verdadeiramente. O peor da crise aberta o 19 de abril é constatar como o aparello da madrileña rúa Xénova e os Ministerios de Xustiza e Interior non só actuaron pasivamente fronte á corrupción que enchoupaba o partido, senón que fixeron uso de todas as ferramentas que tiñan na mán para diluir as pescudas xudiciais en curso. Porque  coas resultas da Operación Lezo puidemos enxergar o sentido real  da operación fiscais desenvolvida polo ministro de Xustiza e que substituiu aos responsábeis na Fiscalía Xeral do Estado, nas Superiores de Euskadi e Murcia e na Fiscalía Anticorrupción. Unha operación coordinada coa reforma da Lei de Axuizamento Criminal (que limitou a seis meses o tempo máximo de instrución penal, agás informe a prol da Fiscalía) e cos esforzos do PP estatal por minimizar xudicialmente a operación Gurthel e cantas pescudas xudiciais tiran do fío das súas vergoñas.

Nestas circunstancias, a moción de censura promovida por Unidos Podemos, En Marea e En Comú Podems constitúe unha ferramenta de limpeza democrática no fondo, malia que nas formas amosarase de máis ese protagonismo sobreactuante propio do Pablo Iglesias.   Constitucionalmente a moción de censura non é un mecanismo excepcional. Todo deputado pode presentar unha por cada periodo de sesións, é dicir dúas ao ano. E ninguén enferma por iso.

Serán, en todo caso, as outras forzas políticas as que xustifiquen por qué non botar fóra do Goberno a un partido enchoupado na corrupción e enfrontar un Goberno de concentración para unha curta lexislatura centrada na rexeneración democrática.

A ARRINCADEIRA. Frear o fascismo

Entre Macron e Le Pen non collen as terceiras vías. A primeira prioridade da Europa hoxe é frear o fascismo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.