Mitos e lendas. A Lei do solo.

É normal que cando se aproba ou tramita unha norma de tanta trascendencia como a Lei do Solo, levante interese e polémicas varias e atopemos análises dende todas as ópticas posíbeis.

Por Mar Barcón | A Coruña | 29/03/2010

Comparte esta noticia

Pero non o é menos que durante as últimas dúas semanas, teñen sido tantas e tan diversas as opinións que se teñen vertido ó respecto deste tema que, malia o ruído das Caixas, converteuse no debate central ó longo de moitos días, non sempre, por certo, có rigor e o coñecemento máis preciso, seguramente polo complexo do mesmo e da propia lexislación urbanística.

O certo é que para comprender esa expectación e mesmo os termos do debate público, deberemos comezar por recordar cómo a LOUGA no 2002 nacía cós parabéns, mesmo de sectores progresistas que non tiñan votado o texto, pero que depositaran moitas esperanzas na chamada “Lei Cuiña”. Por qué?. Porque aquela norma incorporaba medidas de protección, especialmente para o medio rural, descoñecidas hasta entonces en Galicia; aportaba, tamén por primeira vez, unha visión completa e complexa sobre o noso territorio, tentaba atopar solucións para o conxunto dos asentamentos, actividades e usos que se dan no noso país e abría canles de regularización para instalacións que durante décadas viviran no “limbo” xurídico, como as explotacións agrogandeiras ou as minas. Por último incluía a creación dos instrumentos de ordeación territorial - pendentes aínda hoxe – e a da Axencia pola Legalidade Urbanística, estes días no cerne da polémica.

Sete anos e catro reformas despois, teremos que recoñecer que a LOUGA non desempeñou o papel para o que estaba chamada. Filla dun tempo e dunha ideoloxía, abundou na dirección de que cada terreo era un solar e permitiu unha especulación desbordada de cuxos exemplos temos sobradas mostras. Moreas de urbanizacións, especialmente no litoral, contrastaban cunha realidade de abandono dos núcleos rurais e coa imposibilidade, a cotío, de levar a cabo actividades propias destes núcleos ou de ter unha vida con servicios dignos. Os Planeamentos non se adaptaron á LOUGA, as licencias de actividades esperaban por milleiros nun atasco pouco propio dunha administración moderna e as sucesivas modificacións non melloraron o panorama, coa excepción da Lei de Medidas Urxentes, que serviu para defender a costa, no momento máis crítico da especulación sobre a mesma.

A Modificación aprobada o pasado martes non contén tampouco as solucións precisas, pero tampouco é a responsable de todolos males, como algúns parecen interpretar. Non só non incrementa a dispersión, senon que a segregación de parcelas longo tempo demandada, semella unha das posibilidades para manter á xente nos núcleos rurais. Non só non se abre a porta de novas urbanizacións no rural, senon que o Artigo 28 (“un máximo de tres vivendas acaroadas ou encostadas”) mantén a mesma redacción dende o 2002. E de ningunha maneira permite obras en espazos naturais, excepto aquelas de consolidación de edificacións que quedan en fora de ordeación total, que non poden ser nin rehabilitadas nin reformadas. Por suposto, non agocha ningunha amnistía senon unha regularización de asentamentos industriais e vivendas rematadas antes da LOUGA e poñendo en marcha un procedemento garantista moito máis esixente que o que non 2003 se abreu para as explotacións gandeiras, para as minas ou o que se intentou, sin éxito, na Lei de Vivenda para os núcleos costeiros, a través dunha Disposición hoxe recurrida diante do TC.

Sin embargo, a Modificación tampouco vai mellorar a práctica urbanística diaria nin suporá un paso decidido nesa dirección. Non cambia nin mellora sustancialmente a complexa tramitación dos PXOUMs que deberán ser reformados inevitablemente. Non da solución definitiva ás actividades primarias nos espazos naturais, nin ós períodos de transición nos mesmos. Non resolve con seguridade os debates encol do “non consolidado” e mantén a ambición regulamentarista da LOUGA, unha das características que, sen dubida, máis a teñen perxudicado. Por si fora pouco, o PP negouse en redondo a protexer do uso acuicola os espazos da Rede Natura no litoral, explicitando unha e outra vez que se fará “unha piscifactoría enTouriñán”. Calquera que coñeza a lexislación europea sabe que tal instalación non é posible, pero non deixa de ser chamativo, á par que irritante, a teima do Goberno con este proxecto en particular.

O certo é que trinta anos despois do autogoberno non temos unha lexislación do solo segura nin estable. No fumos quén de aprobar os instrumentos de ordeación, polo tanto tampouco temos as estratexias territoriais e económicas que as restantes Comunidades posuen. E durante anos consagráronse verdadeiras aberracións urbanísticas que, con certa frecuencia, non só nos escandalizan, senon que requiren cartos públicos para subsanar as desfeitas. Pero o máis grave é a inseguridade xurídica e a incerteza na que particulares e administracións viven as continuas modificacións dunha lexislación que debería supor un dos piares máis sólidos do sistema. Máis alá dos debates encendidos destes días, si non somos quén de consensuar as DOT, o Plan do Litoral e de darnos unha Lei do Solo estable e aprobada por unha ampla maioría, asinaremos un dos maiores fracasos políticos da nosa democracia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA