Por Pablo Vaamonde | A Baña | 04/04/2010
A fortaleza deste esquema é evidente: a nosa sanidade figura entre as máis eficientes e equitativas do mundo. Os estudios concordan: ao comparar 12 países occidentais industrializados demóstrase que aqueles máis orientados á AP presentan mellores graos de saúde e menores custes. A AP é recoñecida, cada vez máis, como unha compoñente fundamental dos sistemas sanitarios: “un sistema sanitario forte precisa unha AP forte” (B. Starfield).
Baseado nestas evidencias o anterior goberno de Galicia apostou polo impulso da AP: desde o primeiro momento procurou a potenciación deste nivel asistencial, que se plasmou na sinatura do Plan de Mellora da AP, co obxectivo de promover a calidade da atención, aumentar a carteira de servizos e incrementar a capacidade de resolución.
De 2005 a 2009 fíxose un esforzo para dotar de máis persoal aos Centros de Saúde: o incremento de profesionais (médicos, enfermeiras, matronas, fisioterapeutas, hixienistas dentais, traballadores sociais, persoal de servizos xerais) foi do 20%. Conseguiuse informatizar todas as consultas e púxose en marcha en toda Galicia a receita e a historia clínica informatizada. Fortaleceuse a oferta de servizos: potenciouse o programa de atención á muller (anticoncepción, seguemento do embarazo e realización de citoloxías), favoreceuse un incremento das actividades de cirurxía menor, mellorouse o programa de saúde buco-dental e impulsáronse proxectos de telemedicina.
Coa chegada do goberno do PP este impulso cesou de repente. Non se creou ningunha praza das previstas no Plan de Mellora, non se incrementou a carteira de servizos nin a dotación dos centros. Pola contra, os recursos adicados á AP vense reducidos por primeira vez na historia da autonomía: a participación da AP no orzamento sanitario total de Galicia descendeu do 13,1% en 2009 ao 11,4% no 2010.
A AP galega está ameazada. O cese do Plan de Mellora e a reducción de orzamento complétase coa proposta de Xerencia Única que o PP xa prantexou no Consello da Xunta, e que pretende implantar en breve prazo en A Coruña e Santiago. Deste xeito a AP pasa a ser un apéndice dos hospitais. Non hai ningunha experiencia documentada que amose que este modelo de xestión mellore o actual. ¿Por qué insistir, polo tanto, nesta proposta? Porque esta polémica non é nova: no 2004, antes de perder as eleccións, o PP xa prantexaba o mesmo que agora. O seguinte paso é propoñer a autoxestión nos Centros de Saúde e a contratación externa destes servizos. A dereita, cando chega ao poder, ten moi claro cal é o seu obxectivo: xenerar, cos orzamentos públicos, espazos de negocio. Non se pretende mellorar o público senon procurar o beneficio particular.
Non se trata dunha proposta técnica. Non é unha medida de xestión. Trátase dunha estratexia para introducir o interese privado na sanidade pública. O actual presidente ten experiencia: é un experto privatizador (Correos) e foi o impulsor en Galicia das fundacións sanitarias (outro experimento de xestión que rematou en quebra técnica). Máis, ante esta ameaza evidente: ¿donde están as forzas sindicais, tan belixerantes co goberno de progreso? ¿qué están a facer os partidos da oposición?