Dos camiños da beiramar

Non sei quén ni o qué é Adega. Sei, polo que alcanzo a peteirar nos xornais do país, que se preocupan polo medio e denuncia o que no seu entender -e sospeito que no de moitos máis- son accións contrarias ao ben común; nalgúns casos, verdadeiro terrorismo ecolóxico perpetrado contra eses grandísimos tesouros que por capricho da Natureza visten de incomparable beleza á nosa beiramar.

Por Xoán Vázquez | New Jersey, EE.UU. | 07/04/2010

Comparte esta noticia

 Un destes tesouros, que claman por un algo de defensa, un mínimo de atención, unha insignificancia de xustiza, atopase xusto ao carón da boca do río Sieira, onde se unen as barbanzáns parroquias de Xuño e Caamaño, na beiramar do concello do Porto do Son. ¡Meu pobre!, en que mans foi caer.

Na miña adolescencia, á boca do río só se podía ir a pé, polos milenarios camiños da pé; ¡oxalá nunca se puidera ir doutra maneira! A boca do río marca o comezo de dous paraísos; milleiros de veces por ámbolos dous camiñei. Cantas veces, desde as Furnas polos areais ata a boca do río, para despois, se coincidía coa seca,  perderme entre as pedras de Caamaño; sempre marabillado, sobre todo polos canais e pozas do Argazal, ateigadas de ourizos e mozos pescando aos serráns. Poucos anacos de mundo son capaces de agasallar experiencias comparables; ningún de facer que cada vez que nel pouso os ollos alumen novas frescuras, nunha permanencia de enxebrezas intemporais, coma se for a vez primeira.  Onde xa rematan as pedras, camiño do Peirao (que así nomearon os nosos devanceiros a aquel recuncho de croios e argazos), non poucas veces me sorprendía a chea. Regresar polas pedras (na chea) é bastante difícil e decididamente nada recomendable, mais iso nunca foi un problema, para iso alí estaba (estaba...) o milenario camiño da pé dos polbeiros, xusto onde remata o Monte do Palleiro,  ao carón mesmo do acantilado. Regresar polo camiño dos polbeiros, no alto, enxergando o horizonte, e alá enriba O Barbanza (sempre O Barbanza...), nunha interminable festa de paisaxes. ¡Que deleite!, ¡que abraiante!  Desde alí, cando as néboas mariñeiras se entreteñen mar adentro, alá, no fondo, erguese Muros, e Monte Louro velando a ría..., ao fronte todo o litoral do meu Xuño e de San Pedro de Muro, ata que o ollar se escacha contra os outeiros de Seráns, coas súas carballeiras rodeando a capela de San Benito; gran romaría, que xunto á da Madalena, na entrañable parroquia de Ribasieira, nas mesmas costelas do Barbanza, eran as dúas máis milagreiras; sendo o máis grande dos milagres a xuntanza da mocidade de tódalas parroquias da redonda, xuntos nunha carballeira de ilusións e esperanzas. Detrás dos outeiros de Seráns adiviñase Corrubedo. Non se chega  enxergar, mais os que sabemos onde está pensamos que o vemos e vémolo de verdade. Xa de volta  na boca do río, de novo camiñar polo inmenso areal que é brevemente interrompido polas Furnas, para xa continuar pola area camiño da lagoa, pasar polas (case imperceptibles) pedras da Sarrosa, xa na aldea de Rial, primeira das magnificas aldeas da tamén entrañable veciña parroquia de San Pedro de Muro. Nas secas do estío, cando o mar era aínda era noso, malia o seu pouco tamaño,  acompañadas eran estas pedras  por algún que outro polbeiro que sabían dos seus segredos e alí buscaban a caldeirada. Marabillábame que de catro pedras illadas, os que con elas cada día comungaban, puideran sacar tal abundancia. Volvía os ollos atrás, e ollaba as de Caamaño..., non era capaz de calcular as farturas que cada día aquela fonte inesgotable de riqueza nos agasallaba; no intento da comparanza fuxían do mundo da razón as perspectivas. Máis area, xa estamos na lagoa de Rial, agáchanse nas xunqueiras os lavancos, cunde un silencio total. Da lagoa de Rial  para alá, camiño de Basoñas e Seráns, adentrándonos en San Pedro, están as pedras da Catía, polbeiras e de moito serrán. Séguense multiplicando pedregais e areais camiño de Espiñeirido e Corrubedo, onde as pedras da beiramar adquiren a plenitude do seu significado para que xa nunca máis haxan dúbidas da grandeza dun acantilado.

Pero son os pedregais da beiramar de Caamaño o que hoxe me ocupa e preocupa.   Nas secas (todas elas) manifestase a grandeza destas pedras; mais, son as secas plenilunio do estío as que gardan os segredos do polbeiro. ¿Quen diría que un labrego arremangado for capaz de tal milagre cun guixeiro...?   Descúbrense unha inmensidade de canais e pozas, unha manta humana envórcase sobre elas (medio Xuño, todo Caamaño, e aínda non poucos de Queiruga) cos seus guixeiros (que así chamamos entre nós aos bicheiros dos polbos), caldeiros, cestos e canas. As mulleres, aos ourizos. Apañábanos nun instante. As que tiñan máis tempo, con caldeiros baldeiraban as pozas para coller a fartura de nécoras e bois, e aínda non poucas veces algunha que outra centola, namentres os rapaciños andaban ás mariolas. Pero a plenitude do espectáculo dábano os polbeiros, saltando de laño en laño, disimulando canto podían os segredos do guixeiro. Para algúns, os máis informados, a caldeirada de polbos non tardaba, e o tempo que lle sobraba dedicábano ao congro. Pescábano enganchando na punta do guixeiro unha vara de carballo na que unha tira de tanza gorda  suxeitaba un anzol xigantesco, un anaco de polbo era a carnada. ¡Irresistible!  O congro non tardaba.

A chegada da chea nunca improvisaba. Os que pescaban aos serráns eran os primeiros en se ir retirando; os polbeiros, e tódolos demais, non tardaban. A inmensidade das pedras facía que moitos, e moitas veces, se adentraran a tal distancia da boca do río que - xa coa chea encima - voltar polas pedras era imposible. Nunca iso foi problema, para iso estaba o camiño da pé dos polbeiros por onde se regresaba. Cando as terras do beiramar (todas elas comunais)  foran repartidas entre os veciños para pastos e labrazas (nunca para o ladrillo), os camiños milenarios eran considerados terras sagradas. Así sobreviviron dictaduras e monarquías totalitarias. Sobreviviron guerras civís e outras desfeitas incomparables. Sobrevivirono ¡todo!; todo, agás esta burla vestida de democracia. Na última viaxe, pois claro que fun a pé as pedras de Caamaño, estacado e aramado atopei o devanceiro camiño milenario.

Tanto se leva falado da desfeita urbanística, dos recheos ilegais, de tantos outros males, mais, se non somos nin sequera capaces de deixar que as pegadas acariñen aos camiños, non hai esperanzas de nada. Eu xa non quero dicir nada das casas que ergueron alí, mesmo encima do mar, en terras que ata onte eran comunais, as mesmas que estacaron e aramaron ao camiño por onde desfilaban de  regreso os fachendosos labregos que por intres se sentían mariñeiros, sacudindo polbos e congros na punta guixeiro; xa non quero falar de como nun instante de tempo foron reducidos a cinzas os máis mínimos estándares de decencia, transformando cun papeliño que se di ser licencia nun monumento á soberbia, ao egoísmo, á podremia, e á ¡decadencia!, os montes comunais, de todos, desde sempre; xa non quero falar dos ruíns miserables que por un si a caso prefiren gardar silencio. Hoxe, conformaríame con restaurar e deixarlle ser, o que sempre foi, o que outra cousa non pode ser: o camiño da pé dos polbeiros do Monte do Palleiro, na beiramar de Caamaño. E a eses terroristas brandos que tan ben lle sentan os disfraces de alcaldes,  proxenetas  das casa consistoriais, a eses non creo que haxa xornal neste mundo que poida publicar o que deles penso, e non vou dicir nada.  

En fin, non sei quén ni o qué  é Adega, nin que outras organizacións ou xuntanzas de defensa do medio e dos bens comunais no país aínda queden, sei dun camiño da pé na beiramar de Caamaño, milenario, ultraxado por estacas e arame, que reclama volver ser camiño, coma antes, coma sempre, para nós, e para sempre. Cando poidades, visitádeo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Vázquez Nado en 1957, na aldea do Zapatal, parroquia de Santa Mariña de Xuño, concello do Porto Do Son. Con 17 anos emigra aos EE.UU. Estuda informática na Kean University. Actualmente exerce de informático en New Jersey. O seu blog: http://xoangvazquez.blogspot.com/