Galegos, mozos, emigrantes e precarios

Explicar que os galegos que emigran hoxe non viven como en “Españoles en el Mundo” e outros programas de televisión. Esta unha das motivacións das que naceu “Transmigrantes, fillas da precariedade”, interesantísimo ensaio que publica a editorial Axóuxere. Coa autora María Alonso indagamos na nova relación do país coa emigración e os seus mozos. O Brexit , a “xeración si-si” e as festas dos emigrantes son outros dos puntos desta entrevista.

Por Manuel Vilas | Edimburgo | 11/05/2017 | Actualizada ás 20:54

Comparte esta noticia

De onde naceu a motivación para escribir este libro?

María Alonso
María Alonso

Naceu da necesidade de entender o que está a acontecer ao meu arredor. Para isto utilizo a teoría postcolonial e dos estudos de diáspora, un marco teórico co que estaba moi familiarizada grazas á miña tese de doutoramento sobre as ficcións culturais da diáspora caribeña. Decateime entón de que toda aquela teoría que estaba a empregar para achegarme a un colectivo co que, nun principio, non parecía ter moito en común, era perfectamente aplicable á miña comunidade: á da nova diáspora galega. 

 

 Cal é a súa relación persoal e familiar coa emigración?

A miña relación familiar coa emigración é moito máis estreita do que eu nunca imaxinei, comezando co meu bisavó, quen emigrou á Arxentina pero que aos poucos anos volveu á terra, seguindo pola familia do meu avó, que emigrou ao Uruguai e moitos deles morreron xa no país de acollida, e rematando comigo mesma quen, nestes últimos dez anos teño vivido en cinco cidades diferentes, incluída a capital escocesa onde levo xa cinco anos. 

Transmigrantes de  María Alonso
Transmigrantes de María Alonso

 

Mostrar que a realidade dos mozos que emigran agora non é a que reflicten programas como "Españoles en el mundo" foi outra das motivacións para escribir este ensaio?

Sen dúbida esa foi unha das principais motivacións. A xente da miña xeración crecemos con este tipo de programas que idealizan a emigración dun xeito case obsceno, centrándose nas historias de éxito e ignorando as historias de non-éxito ou mesmo de fracaso. Transmigrantes achégase, dun xeito crítico, ás razóns e consecuencias deste lado menos amable da nova migración galega, contextualizándoa dentro das dinámicas que levan décadas rexendo a Unión Europea ou como se lle chama no ensaio, a Fortaleza Europea. 

 

Por suposto que é importante falar das historias de éxito, pero hai unha cara B deste novo fenómeno migratorio cheo de historias de frustración persoal que tamén é preciso rexistrar. Dende un punto de vista académico, as novas ficcións culturais que agora están a xurdir como contra-discurso son realmente interesantes sobre todo porque a maioría delas estanse a realizar dende unha perspectiva testemuñal.

 

Un dos temas que se abordan na súa obra e a devaluación da titulación universitaria. Ter formación superior parece unha barreira para entrar no mercado laboral galego en moitos casos, sucede o mesmo aos mozos que emigran?

 

 Honestamente coido que ninguén pensa xa que un título universitario é garante de nada, nin no mercado laboral galego nin no estranxeiro. Non é garante, pero debería axudar. Imaxino que, como na Galiza, haberá xente no estranxeiro que atopen traballo relacionado cos seus estudos e, como no país, haberá quen teña que traballar nalgunha outra ocupación namentres, con sorte, atope traballo do seu. O mercado laboral do Reino Unido, polo que teño experimentado, é moito máis dinámico en todos os sentidos, mesmo entre o precariado, o que axuda a manter unhas expectativas mínimas de mellora. 

 

Unha diferencia importante entre esta xeración de emigrantes e as pasadas é que a actual pensa na emigración como algo provisional. A realidade dos datos mostra que efectivamente moitos deles retornan a Galicia? 

 

Os datos oficiais son un tanto confusos, o que fixo do proceso de documentación para a escrita de Transmigrantes unha tarefa ben difícil. O precariado transmigrante, que é o colectivo que centra o meu interese no ensaio, é bastante errante e non parece ter moito problema en cambiar de cidade ou de país para intentar mellorar a súa situación laboral. Isto mesmo é o que complica a posibilidade de ter datos reais sobre a dimensión deste fenómeno. Non todas as e os transmigrantes que se moven pola Unión Europea para buscar traballo se rexistran nas embaixadas ou consulados, nin como residentes temporais nin como permanentes. Non o fan para non perder beneficios sociais no país de orixe e tamén pola incerteza laboral e mesmo vital deste colectivo. 

 

Cales son os motivos para este retorno?

O retorno, de acontecer, dáse na maior parte dos casos pola precariedade que se vive no estranxeiro xa que ás veces un traballo precario cun contrato ‘zero hour’ non é dabondo sequera para pagar o aluguer dun cuarto nun piso compartido con seis descoñecidos, o que fai que haxa xente que tire a toalla. Outra das razóns para volver coido que tamén é a idade. Levamos dez años en crise, polo que aquelas persoas que non foron quen de entrar no mercado laboral galego con trinta anos, e agora teñen arredor de corenta, ten moitas dificultades para formar unha familia no estranxeiro xa que a familia segue no país de orixe. Cando se pertence ao colectivo do precariado transmigrante ás veces hai que tomar decisións difíciles que implican renunciar a certo tipo de proxecto vital. 

 

Outro cambio importante do que vostede deixa constancia é da idea do país común entre os que marchan. Todos os historiados sempre destacaron o papel clave da diáspora para conforma a idea de nación galega, e de feito moitos dos logros culturais de Galicia foron promovidos pola emigración. Cambiou o conto entre os transmigrantes? Que hai máis entre eles, morriña o xenreira?

 

Ben é certo que a intelectualidade galega considerou á diáspora clásica como unha renuncia á revolta. Xa o dicía Castelao cando afirmaba que “en Galiza non se pide, emígrase”. O colectivo emigrante tanto da diáspora clásica como da nova diáspora é cuestionado por considerarse a emigración un elemento de despoderamento. Para achegarse á nova emigración galega posiblemente precisemos máis distancia histórica, sobre todo para ter acceso ás ficcións culturais que recollerán este fenómeno migratorio e que están agora a aparecer. O que si se aprecia xa é unha actitude moi crítica do colectivo transmigrante con respecto ás razóns que motivaron a súa decisión de emigrar. Esta actitude crítica maniféstase a través dunha sorte de morriña e xenreira que converte ao transmigrante en suxeito político activo. A morriña e a xenreira son probablemente emocións complementarias e non necesariamente excluíntes, e esta mestura ten como resultado ao que Manuel Forcadela, nun interesante estudo titulado Dama Saudade e o Cabaleiro Sombra, se refire como ‘saudade’ que para o autor é un construto cultural que di no ao desarraigo. Esta saudade como construto cultural crítico é o que fai do precariado transmigrante un colectivo en loita que non renuncia á revolta nin sequera dende a diáspora. 

 

Con todo, no país, segue habendo sectores que celebran a emigración como algo positivo. Que lle parece, por exemplo, que en moitas aldeas aínda se festexe a "Festa do emigrante"?

 

Paréceme importante e necesario non esquecer o noso pasado emigrante, sobre todo para poder comprender o noso presente. Os datos oficiais suxiren que un de cada cinco galegos e galegas reside actualmente no estranxeiro, e poida que o número real sexa maior. Non se pode obviar a unha quinta parte da poboación galega. Na actualidade, sobre todo dende sectores políticos e empresariais, dise que isto de emigrar axuda á mocidade a ter experiencia vital, mellorar o manexo de idiomas estranxeiros, coñecer mundo, etc. o que eu non cuestiono e que posiblemente sexa certo. O que non se pode festexar ou normalizar é o desclasamento do colectivo emigrante, por moi real que este sexa. Eu non vexo razón ningunha para celebrar que unha xeración na que se inverteron unha cantidade inxente de cartos na súa formación vexa na emigración a súa única saída laboral.  En Transmigrantes, fillas da precariedade o que fago é achegarme ás historias deste colectivo que emigra e que atopa no estranxeiro as mesmas dificultades e precariedade que pensou que deixaba atrás. Non hai motivos para celebrar esta precariedade, senón que habería que artellala como elemento mobilizador.  

 

Vostede utiliza no libro un termo curioso, "xeración si si", fronte aos "ninis" dos que fala a miúdo a prensa. De onde nace e que significa?

 

O termo de ‘xeración si-si’ é dunha moi boa amiga da universidade que o utilizaba para facer referencia ás que si traballamos e si estudamos. Eu saquei dúas licenciaturas á vez mentres traballaba polas tardes de recepcionista nun museo e ás fins de semana nun restaurante de comida rápida; e coma min había moitas outras, polo que todas estas etiquetas que aparecen na prensa, e que despois se asumen pola sociedade, son na maioría dos casos inxustas. Fálase en ocasións da ‘xeración nin-nin’ ou da xeración da ‘titulitis’ de xeito despectivo sen cuestionar que é o que fai que un grupo de mozas e mozos téñanse afundido na máis total e absoluta das apatías ou que outro grupo vexa na formación un xeito de supervivencia namentres non chegue a súa hora de integrarse no tecido laboral xa ben do país de orixe ou do de acollida. Ao achegarse á ‘xeración si-si’, a pesares desta falta de distancia histórica, un dos discursos xa artellados co que nos atopamos, en gran medida a causa destes programas que soamente proxectan a cara amable da nova diáspora, é que emigran as e os mellores. Eu négome a asumir este discurso que suxire que marchan as mellores e quedan os peores, xa que non creo que sexa certo e porque penso que, na maioría dos casos, emigra quen pode, non quen quere. 

 

María Alonso vive emigrada en Edimburgo, capital escocesa. Malia que aló votouse moi maioritariamente a prol de seguir na Unión Europea, como se está notar na diáspora aló as consecuencias do Brexit, en particular entre os mozos galegos? Hai medo entre a comunidade? 

 

A falta de información en torno ás consecuencias do Brexit é total, tanto para os diferentes colectivos emigrantes afectados como para a cidadanía británica. Máis que medo, teño a impresión de que hai incerteza e un sentimento de decepción compartido por todas e todos, mesmo por aquelas persoas que votaron si ao Brexit. 

 

Daquela cambiou algo no día a día?

 

No día a día coido que a situación en Escocia e en Inglaterra é ben distinta. En Inglaterra ao día seguinte ao referendo do Brexit apareceron pintadas con lemas racistas contra as e os europeos no Reino Unido, por exemplo, no colexio que ten a embaixada española en Londres. Isto en Escocia, que eu saiba, non aconteceu. O discurso anti-europeo durante a campaña das eleccións xerais do 2015, como para a do referendo do Brexit do 2016, foi tan brutal que fixo que as comunidades do sur de Europa, así como a polaca, estean agora máis que nunca no punto de mira. Escocia, ao ter un pasado emigrante moi similar ao galego, posiblemente sexa máis consciente das dificultades que atopan os moitos colectivos migrantes que viven sobre todo en Glasgow e Edimburgo, e como país teña unha actitude moito máis aberta. Como dis, isto quedou reflexado no resultado do referendo do Brexit en Escocia. 

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta