O tempo da memoria

O pasado venres proxectouse no Auditorio da Fábrica, en Oleiros, o documental “O tempo da memoria”, dirixido polo meu amigo Jorge Gil.

Por Pablo Vaamonde | A Baña | 12/04/2010

Comparte esta noticia

No mesmo rememórase, coa testemuña de persoaxes públicas (Díaz Pardo e Alonso Montero, entre outros),  de compañeiros e familiares, a traxectoria vital de dous militantes do PC que, nos inicios da década dos corenta, regresan a España desde o exilio en Sudamérica, para traballar desde o interior pola restauración da República.

Resulta emocionante ver o compromiso destas persoas que, na inmediata postguerra, espuxeron a súa vida para defender un ideal democrático. Xosé Gómez Gaioso e Antonio Seoane nunca souberon que a dictadura de Franco duraría ata o ano 1975, e que o militar golpista ía morrer de vello no seu propio leito. Daquela tiñan a confianza de que podían vencer a curto prazo. Non foi así: en 1948 foron apresados na rúa Real da Coruña, sometidos a tortura e a un xuízo sumarísimo –sen posibilidade de defensa algunha- e fusilados no Campo da Rata, perto da Torre de Hércules. Un grupo escultórico deseñado por Díaz Pardo recorda o lugar donde centos de republicanos perderon a vida fronte ao pelotón de fusilamento.

Este documental debería ser visto nas escolas de Galicia. Os nosos rapaces deben coñecer canto sufrimento hai detrás da construcción desta democracia que hoxe disfrutamos. Os familiares e os camaradas dos fusilados teñen o dereito, e mesmo a obriga, de restaurar a imaxe dos seus mortos. Non é admisible que, sesenta anos despois, estas persoas heróicas aínda figuren, nos papeis oficiais e no imaxinario colectivo, como bandoleiros. Deben recuperar o papel que lles corresponde: o de figuras exemplares comprometidas coa defensa da legalidade e da xustiza.

Mais a persecución que exerceu o réxime franquista contra dos seus detractores, e que provocou máis de 100.000 persoas desaparecidas (enterradas nas gábeas e en foxas comúns), non rematou na postguerra. Agora continúa nos tribunais. Os herdeiros do franquismo andan á caza do xuíz Garzón, quen se atreveu  a iniciar unha investigación sobre as víctimas da dictadura. Este intento de apartar ao xuíz das súas funcións, ademáis de ocultar as atrocidades do réxime, tamén quere botar terra sobre o caso Gürtel: a trama político-mafiosa máis grande e descarada da nosa recente democracia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.