Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/05/2017 | Actualizada ás 13:56
A asociación animalista Libera e a Fundación Franz Weber (FFW) reclamaron a "inmediata suspesión de calquera permiso ou autorización autonómica" ao circo 'Vienna Roller', que percorre Galicia e prortagonizou nos últimos meses e que protagonizou enfrontamentos con algúns concellos, como a ruptura de precintos policiais para poder abrir as súas instalacións.
Libera condenou os actos protagonizados polos empregados deste circo, que emprega animais nos seus espectáculos, no Concello de Boiro (A Coruña). Desde hai un ano, o uso de animais en espectáculos circenses neste concello está prohibido.
Alí, o goberno local suspendeu a licenza a este circo para realizar funcións no municipio da comarca do Barbanza ao entender que as súas instalacións non cumprían cos requisitos de seguridade, o que provocou un incidente cos empregados da compañía, que romperon os precintos colocados pola Policía Local.
"A protesta que se desenvolveu este sábado no municipio de Boiro diante do único circo que se atopa na comunidade portando animais saldouse cunha provocación constante por parte de empregados da compañía, quen ademais de insultar, tentaron chegar á confrontación física, sendo afastados por axentes da Garda Civil", denuncia Libera.
Unha sondaxe telefónica realizada por Libera e FFW revela que "o 92% das enquisadas e enquisados" avala prohibir o uso de animais en espectáculos de circo, unha medida xa anunciada polo Goberno galego, que hai un mes avanzou a inclusión deste veto na nova lei de protección animal que será aprobada no Parlamento galego nos próximos meses.
Deste xeito, subliñan que "só un 3,3% dos cidadáns enquisados avalaría permitir a explotación de fauna en circos" e que "o grao de descoñecemento ou de non resposta é relativamente baixo, sumando un 4,7% da mostra".
Así as cousas, apelan "á necesidade de avanzar cara a un veto completo" do uso de animais, xa que entenden que "determinadas especies, desde équidos, pasando por cans e mesmo gatos, son sometidos a un trato antinatural e degradante", aínda que recoñecen que "a inmensa maioría dos circos" que chegan a Galicia empregan "especies "máis exóticas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.