As dúas Españas

Así é como se definiu a profunda división que o terrible trauma da Guerra Civil creou nas xeracións que a viviron de forma directa ou indirecta.

Por Carlos Vázquez Padín | Tui | 15/04/2010

Comparte esta noticia

Tras esta guerra e os corenta anos de ditadura, desenvolveuse unha forte vontade de concordia, de esquecer o pasado e de construír un futuro onde as dúas Españas puidesen convivir de forma pacífica despois da longa noite de pedra franquista.

Esta vontade de concordia chamouse “espírito da transición” e levou ao tardo-franquismo e ás forzas democráticas a unha serie de cesións para construír un novo marco xurídico-político onde a loita polo poder non se volvese resolver con pistolas de por medio.  

Non foi unha evolución ideolóxica duns e doutros, que ao meu xuízo non se produciu, polo menos na medida necesaria, a que facilitou o entendemento, senón a vontade de concordia creada polo trauma do pasado. Foi por tanto un entendemento baseado nunha mentalidade derivada dunha experiencia traumática e non unha evolución na cultura política o que deu como resultado unha relativamente exitosa transición á democracia. A transición estivo polo tanto baseada nun elemento coxuntural (a vontade de concordia) e non nun elemento estrutural (unha cultura democrática de fonda raigame).

Infelizmente cada día que pasa temos que relativizar o éxito desa transición, que non logrou profundizar o suficiente nos parámetros que configuran o réxime político da democracia liberal e que por tanto agora fai máis vulnerable o sistema. Unha vez que o espírito de concordia vai morrendo a medida que as xeracións traumatizadas polo pasado van desaparecendo e a cultura política segue sen evoluír o suficiente, o problema é de órdago: as carencias na cultura democrática das dúas Españas seguen aí, pero as gañas de entenderse e de convivir sen enfrontamentos van pasando. Un exemplo moi sintomático disto é o nomeamento de Pedro Oliart como novo responsable da TVE, o PP e o PSOE teñen que buscar a alguén de 81 anos, ex ministro con UCD, para poder consensuar un nome.

As diferenzas irreconciliables das dúas Españas fanse cada día máis patentes en case cada terreo. A falta de sentido de estado de PP e PSOE é notoria, ante a maior crise económica da democracia, vemos unha xestión do goberno que só pensa en salvar a súa pel a curto prazo e non en emprender as reformas estruturais necesarias, e vemos tamén unha actitude carroñeira do PP, desexoso de que a situación empeore o máis posible para poder chegar o antes posible á Moncloa. Ambos poñen de manifesto esta falta absoluta de sentido de estado, xa que para os dous partidos España son eles e a cidadanía non importa, e o que si importa, a costa do que sexa, é a permanencia no poder para uns e a chegada ao poder para outros.

Na pouco clara separación dos poderes temos outro terreo de fraxilidade da democracia. O PP e o PSOE controlan as altas instancias xudiciais. O que decidan o Tribunal Supremo sobre Garzón ou o  Tribunal Constitucional sobre o Estatuto de Cataluña, será analizado en función das influencias políticas e non desde a óptica puramente xurídica, porque a partitocracia española nunca se preocupou da independencia total do Poder Xudicial con respecto ao poder executivo e lexislativo. Socialistas e conservadores controlan os tres poderes e mesmo o cuarto, os medios de comunicación (bo exemplo disto témolo en Galicia onde as Xuntas de PP, PSOE e BNG gastan e gastaron millóns de euros de diñeiro dos contribuíntes para controlar os medios).

Cunha crise económica profunda e prolongada, cunhas institucións cada vez máis deslexitimadas, cunha corrupción campando ás súas anchas e coa desaparición da vontade de concordia, o panorama é moi preocupante e só nos pode levar polo mal camiño. Por iso debemos darlle un correctivo ás dúas Españas.

A deriva do PP e do PSOE xa só se pode parar con severos castigos electorais. Animo a todo o que lea este artigo a votar sempre, e a facelo por calquera partido que non sexa o PSOE nin algún que estea á esquerda deste, e tampouco ao PP nin a ningún partido que estea a dereita deste. Esta creo que pode ser unha receita válida para fortalecer a cultura democrática, establecer un elemento de moderación e frear esta involución. A terceira Galicia está xa en marcha.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA