Castelao en Lugo: vive

A Deputación de Lugo inaugura o vindeiro 14 de abril una exposición sobre Castelao que cremos, máis que nunca, imprescindible.

Por Antón Bao | Lugo | 21/04/2010

Comparte esta noticia

O 7 de xaneiro deste ano cumpríronse 60 anos da morte de Castelao. A Deputación de Lugo dende a área de Cultura e o Museo Provincial gobernados polo BNG,  inaugura o vindeiro día 14 de abril unha exposición, comisariada por Pilar García Negro e Felipe Senén,  que se centra nun período importante da súa vida, o correspondente aos anos 1936 – 1950, aqueles que nos que Castelao construíu a nación aínda estando lonxe dela. 

Nun intre en que os alicerces de todo o que el elevou á categoría de imprescindible para este país están en perigo, no que mesmo se insulta a súa memoria dende a presidencia do goberno galego, creo que esta exposición debe servir para resolver a anemia do esquecemento en que a súa figura está sumida.
“ Abóndame con ser galego”.

Abonda esta declaración de Castelao para ter convertido en realidade esta exposición, esta homenaxe necesaria, imprescindible a quen representa coma ninguén a conciencia ética da nación. Pretendemos que nas salas do Museo Provincial de Lugo estea a esencia da súa arte, da súa obra literaria, do seu pensamento e da súa vida dedicada  a esta terra. A esencia de todo o que converteu a Castelao nun mito popular. Os seus debuxos, os seus oleos e tamén os libros e as imaxes deixan ver o autor que hai detrás, o creador honesto, comprometido, que é xa símbolo do país que retratou na súa obra.

Galega e humana, así é a creación de Castelao. En poucas ocasións  unha nación ten a fortuna de ser “fundada” por unha figura de tan inmensa dimensión. Un home que concitaba admiración, un líder que producía afectos, un brillante artista que se caracterizaba pola súa humildade, un político honesto e comprometido que vivía para a súa Terra. As novas xeracións de galegos e galegas, ben poden atopar agora na súa obra o labor infatigable de quen cría con firmeza no futuro do seu país e estaba a poñer as sólidas trabes para a súa construción.

A xenerosidade de Castelao está presente na obra que agora se vai expoñer.  A través deste legado artístico e cultural ben podemos trazar o perfil daquel home ao que tanto lle debemos. De Castelao recibimos, sen dúbida ningunha, boa parte do que hoxe somos, a conciencia da nosa lingua e do noso país, unha liña de transmisión de honestidade e lealdade da que podemos gabarnos. Terra, símbolo, referencia, nación, xustiza, pobo, lingua, historia. Aí está Castelao, unha imaxe que forma xa parte do noso imaxinario colectivo, que se mimetiza co pobo ao que tanto quería, que volve a nós coa súa lección perdurable. Expoñente máximo da nosa cultura, símbolo na nosa historia, figura admirada en todos os idearios liberadores, o discurso de Castelao prende e alumea, agasallándonos, unha vez máis, coa súa brillantez e o seu compromiso.

“Cómo lle queremos á Terra! Eu de min sei decirvos que si despois de morto tivese que voar máis alá das estrelas visibles para ir a un ceo tan lonxano da Terra, de boa gana renunciaría á inmortalidade para rematar a miña vida debaixo d-unha laxe e convertirme en herbas ventureiras”. De novo, escoitamos ao propio Castelao e, desde a Deputación de Lugo, queremos sementar con esta exposición as máis acaídas herbas ventureiras de quen é, sen dúbida, inmortal na nosa memoria como pobo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xose Antón Bao Abelleira Casado con dous fillos. Viviu na súa infancia e xuventude en Cruzul (Becerreá). Afincado en Lugo dende os anos 90. Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola USC. Profesor de Ensino Medio. Comeza a súa andadura política en 1999 cando encabeza a lista do BNG na candidatura de Becerreá. Concelleiro dende 1999 a 2007. Formou parte da candidatura do BNG ao Parlamento Galego no ano 2001 No 2004 é elixido candidato número un para as eleccións ás Cortes Xerais pola provincia de Lugo. Portavoz do BNG na Deputación de Lugo dende o 2005 ao 2007. No 2007 forma parte da candidatura do BNG nas eleccións municipais no Concello de Lugo. Tras as eleccións obtén acta de concelleiro en Lugo e é elixido Deputado Provincial. Accede ao goberno da Deputación de Lugo como Vicepresidente Primeiro. Dende o ano 2007 é tamén responsable Comarcal do BNG de Lugo e membro do Consello Nacional, máximo órgano de dirección do Bloque.