Pagar o urbanismo desaforado con cartos públicos. O BNG na Deputación de Lugo NON.

O BNG na Deputación de Lugo non avala o convenio sobre urbanismo no Concello de Barreiros.

Por Antón Bao | Lugo | 14/04/2010

Comparte esta noticia

Aínda formando parte do goberno na Deputación de Lugo, o BNG non avala a decisión do PSOE de sumarse coa Xunta de Galiza e co goberno do concello de Barreiros a subscribir un convenio segundo o cal estas administracións invisten case 6,5 millóns de euros para dotar de servizos a urbanizacións ubicadas neste concello da Mariña luguesa.

Toda esa promoción urbanística está denunciada pola fiscalía por presunta prevaricación urbanística. Encausados Alcalde, Xunta de Goberno Local e arquitecta municipal. A denuncia vén dada precisamente por terse concedido licencias sen contar esas promocións urbanísticas cos servizos básicos que establece a lexislación en materia de ordenación urbanística. Esa situación impide a consideración que arbitrariamente dende o concello se lle deu de solo urbano e, polo tanto, esas construcións están fóra da lei.

Pero todo isto non parou ao goberno do PP no concello de Barreiros que si outorgou as licencias, mesmo con informes en contra da secretaria municipal. Modelo PP: primeiro os promotores, diante da lei, diante do territorio que se vai destruír, diante de todo.

Promotores que dende o principio eran os encargados por lei de ter dotado deses servizos as urbanizacións que promovían pero do que fixeron caso omiso.  Na propia denuncia da fiscalía se indican estes extremos e como logo de tímidos requerimentos do Concello continuaron adiante edificando sen completar as deficiencias advertidas.

A terra un gran negocio

E agora a Xunta do PP, o PSOE da Deputación e o Concello de Barreiros elaboran un convenio para con cartos públicos dotar deses servizos ás urbanizacións presuntamente ilegais. En definitiva, aforro para os construtores e adiante co modelo urbanístico desaforado de PP e PSOE. Barra libre para os promotores, diñeiro público para o negocio duns cantos.

Non poden os cidadáns pagar co seu diñeiro as falcatruadas duns o doutros. Nin tampouco é xusto para outros promotores que si cumpren as súas obrigas e que ven coma outros son compensados con fondos públicos de varias institucións para aquilo que eles si pagan cumpridamente.

Pero isto fundamentalmente define o modelo PP e PSOE: a terra un gran negocio. O país destinado á especulación absoluta. O urbanismo tamén un gran beneficio político de costas a Galiza e a galegos e galegas.

O BNG na Deputación de Lugo coherente co modelo de ordenación territorial e urbanístico do nacionalismo galego oponse a este convenio, oponse a un urbanismo sen control. Opoñémonos aínda quedando nunha minoría absoluta: na Deputación de Lugo 22 deputados do PSOE e do PP fronte a 3 do BNG.  Pero, así e todo, a coherencia e independencia  do BNG fainos máis grandes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xose Antón Bao Abelleira Casado con dous fillos. Viviu na súa infancia e xuventude en Cruzul (Becerreá). Afincado en Lugo dende os anos 90. Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola USC. Profesor de Ensino Medio. Comeza a súa andadura política en 1999 cando encabeza a lista do BNG na candidatura de Becerreá. Concelleiro dende 1999 a 2007. Formou parte da candidatura do BNG ao Parlamento Galego no ano 2001 No 2004 é elixido candidato número un para as eleccións ás Cortes Xerais pola provincia de Lugo. Portavoz do BNG na Deputación de Lugo dende o 2005 ao 2007. No 2007 forma parte da candidatura do BNG nas eleccións municipais no Concello de Lugo. Tras as eleccións obtén acta de concelleiro en Lugo e é elixido Deputado Provincial. Accede ao goberno da Deputación de Lugo como Vicepresidente Primeiro. Dende o ano 2007 é tamén responsable Comarcal do BNG de Lugo e membro do Consello Nacional, máximo órgano de dirección do Bloque.