Balaídos despide a Berizzo

O Celta non pasa do empate 2-2 coa Real Sociedade pero a afección despide como un heroe o técnico arxentino que devolveu o equipo a Europa. "Foron tres anos fermosos", sentencia o Toto Berizzo. Iago Aspas marcou de penalti o seu 19º gol na Liga.

Por gcdeportes | Vigo | 21/05/2017 | Actualizada ás 20:52

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
RC Celta 2:
Sergio Álvarez; Roncaglia, Cabral, Andreu Fontás, Jonny; Chelo Díaz, Daniel Wass (André Hjulsager, 69'), Tucu Hernández; Pione Sisto (Pape Cheikh, 81), Iago Aspas e John Guidetti (Jozabed, 46').
Real Sociedade 2: Rulli; Odriozola, Aritz, Iñigo Martínez, Yuri; Xabi Prieto, Illarra, Zurutuza; Carlos Vela (Canales, 54'), Oyarzabal (Bautista, 88') e William Jose (Juanmi, 64').
Goles: 1-0: Iago Aspas, de penalti (min. 54). 1-1: Oyarzabal (min. 81). 2-1: André Hjulsager (min. 90). 2-2: Juanmi (minuto 92).
Árbitro: Sánchez Martínez (murciano). Amarelas a Cabral e Roncaglia nos celestes e a Illarra na Real Sociedade.
Incidencias: partido da 38ª e última xornada de Primeira División disputado no estadio municipal de Balaídos ante 14.188 espectadores.

Terá complicado o sucesor do Toto Berizzo acadar a mesma harmonía coa bancada celeste. Cunha ovación e ao berro de “Toto, Toto”, Balaídos despediu o técnico arxentino que devolveu o Celta a Europa, onde acadou por primeira vez en 94 anos de historia unhas semifinais europeas, e que xogou dúas semifinais de Copa consecutivas.

Iago Aspas abraza a Berizzo no banco tras marcar o 1-0 de penalti.
Iago Aspas abraza a Berizzo no banco tras marcar o 1-0 de penalti. | Fonte: lfp.es

Os xogadores celestes, sobre todo tralo descanso, tentaron regalarlle unha vitoria ao Toto para poñer o colofón a unha etapa frutífera, pero non puideron pasar do empate 2-2 coa Real Sociedade, que grazas ao empate en Balaídos remata sexto e acadan a clasificación para a vindeira Europa League. O Celta encadenou a sétima xornada de Liga sen gañar. Nada transcendente. O Toto Berizzo marcha como un heroe de Balaídos. “Grazas Berizzo”, liase nunha pancarta xigante na bancada de Río. “Berizzo si, Mouriño non”, berraron moitos celestes durante o partido.

Malia que os primeiros achegamentos foron celestes (Roncaglia coa testa e un disparo de Wass), Sergio Álvarez, e Jonny e Cabral baixo paus, salvaron o Celta e evitaron o gol donostiarra no primeiro tempo. Moveu o equipo Berizzo no descanso, con Jozabed no canto de Guidetti para ter máis protagonismo no centro do campo e de paso colocar a Iago Aspas como dianteiro centro. O de Moaña provocou un penalti, marcou dende os once metros e foise ao banco a celebralo con Berizzo. Foi entón Eusebio Sacristán quen moveu ficha, coa entrada de Canales e Juanmi. A dez do final, Oyarzabal fixo o empate, pero Hjulsager, no último minuto, marcou un golazo que tumbou a Real Sociedade. Cando Balaídos xa celebraba a vitoria na despedida de Berizzo, Juanmi fixo coa testa o 2-2.

Toto Berizzo, xunto ao seu corpo técnico e aos xogadores, despedíronse dende o centro do campo da afección que mentres berraba polo Toto Berizzo. "Foron tres anos fermosos", recoñeceu Berizzo na súa última rolda de prensa, na que non houbo preguntas e na que agradeceu o apoio de toda a familia celeste. Fin a unha etapa de tres anos, a segunda de Eduardo Berizzo no Celta, que busca xa adestrador para a campaña 2017-2018.

Iago Aspas, goleador

Iago Aspas reivindicouse de novo como o mellor goleador español volvendo marcar ante a Real Sociedade. O dianteiro de Moaña marcou o 1-0 de penalti, acadando o seu 19º tanto na Liga e certificando o seu mellor rexistro nunha campaña, na 2016-17, na que foi o mellor goleador español da Primeira División.

A pancarta con 'Grazas Berizzo' na bancada de Río.
A pancarta con 'Grazas Berizzo' na bancada de Río. | Fonte: lfp.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta