Por GC Emprende | Santiago de Compostela | 26/05/2017 | Actualizada ás 14:00
Dos 73 de viveiros analizados, o da Cámara de Comercio de Santiago consegue unha gran valoración, o posto número 5. Ademais, polo seu niveis de servizos, é o único galego que consegue entrar na categoría de “avanzados”.
Outras dúas iniciativas galegas están na zona de notables, así o Centro de Iniciativas Empresariais da Fundación CEL de Lugo logra o posto 16 e o Centro de Iniciativas Empresariais Mans, da Fundación Paidea en Padrón, o 21.
Da metade da clasificación para abaixo está curiosamente Uninova, un dos máis veteranos e en teoría con máis medios, por estar promovido pola Universidade de Santiago, en colaboración co Concello.
No referido as aceledoras de empresas, Viagalicia, promovida polo Consorcio da Zona Franca de Vigo en Nigrán, consegue o posto número 7. Zarpamos, unha aceleradora lanzada e xestionada por emprendedores privados no centro da Coruña, consegue o posto 19. Cómpre ter en conta que en total avaliáronse 24 institucións deste tipo.
Loxicamente houbo numerosas iniciativas que o estudo non avaliou, por diversos motivos. No estado en total calcúlase que hai 227 viveiros e 73 aceleradoras.
Tanto a nivel de Estado como a nivel galego, o estudo atopou un importante descenso do número de viveiros durante 2016, o ano avaliado, respecto a exercicios anteriores. En opinión dos autores, produciuse un cambio de mentalidade entre os promotores.
Mentres que nos peores anos crise os viveiros de empresas inzaban por todos os lugares, en parte debido á necesidade da administración de demostrar que estaba a tomar medidas activas contra a recesión, agora “apóstase máis pola calidade que pola cantidade”. O resultado é unha “transformación ou reorientación das infraestruturas para evitar que se solapen e aproveitar mellor os recursos”.
A dispoñibilidade de viveiros, en primeiro lugar, e de aceleradoras, a continuación, é clave para o emprendemento. Cómpre ter en conta que máis do 95% das compañías que hai en Galicia caen na categoría de microempresas, con menos de 9 traballadores.
Galicia é a quinta autonomía que máis aceleradoras ten, segundo este estudo. A diferencia dos viveiros, que son maioritariamente públicos, tenden a estar promovidos pola iniciativa privada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.