A obsesión polo triunfo

Vivimos nunha sociedade obsesionada polo triunfo, pola exaltación do campeón.

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 04/05/2010

Comparte esta noticia

 Escoitase, como unha máxima filosófica irrefutable, que o segundo é o primeiro dos vencidos. Semella que só serve ser primeiro e que, para conseguilo, son admisibles todos os medios. O diñeiro, o poder e a derrota do contrario son os obxectivos a acadar. Os medios de comunicación e, sobre todo, a televisión, contribúen a xerar este estado de opinión: hai numerosos programas nos que o afán por triunfar convírtese nunha obsesión insana.

O mundo do deporte é paradigmático. A pasada temporada o Barça, cun xogo exquisito pero arriscado, acadou o máximo: o primeiro posto en todas as competicións. Agora, co mesmo fútbol estético e da máxima calidade, só ten posibilidades de ser campeón de Liga. Os que loubaban as excelencias de Guardiola e o seu grupo hoxe celebran o rigor táctico de Mourinho, ese adestrador maleducado e tacaño que conseguíu eliminar ao contrario a base de raposería e dun intenso esforzo na destrucción: o contrario do que debe buscar  calquer traballo, e máis nun espectáculo seguido por millóns de persoas, que non é outra cousa que a excelencia.

Tamén na política semella que só serve o triunfo e que, para acadalo, vale todo. Nos últimos comicios de Galicia o PP, contra pronóstico e despois dunha campaña ruín, mesquiña e porca, gañou o poder. Agora non sabe que facer con el, e está instalado nunha parálise institucional que lle impide facer fronte aos problemas da sociedade galega. Mentras, os outros partidos, estragados pola derrota, lamben as feridas e non son quen de  construir unha oposición firme e contundente.

Moitas veces a distancia entre o triunfo e a derrota é un instante (match point), a presenza do azar ou o capricho do destino. Se nos centramos no resultado final máis ca no camiño percorrido estaremos abocados á frustración. Por eso quizáis debemos cambiar de paradigma. Cómpre poñer en valor a dignidade do labor ben feito, o traballo do artesán que só busca a recompensa da obra rematada, do corredor de fondo que compite consigo mesmo coas miras en chegar á meta sen considerar a posición, do traballador que se empeña en facer o labor da mellor maneira, sabendo que ese é o modo de mellorar o mundo. Esas son as actitudes que precisamos neste tempo incerto, lonxe da exhibición impúdica e da vanidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.