A primeira fase da ligazón orbital de Santiago estará en "pleno servizo" entre finais de 2017 e principios de 2018

Sobre a decisión da Xunta de que os autobuses escolares leven viaxeiros: "É un paso decisivo para o proceso do novo plan de transporte"

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/05/2017 | Actualizada ás 16:25 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, asegurou este venres que a primeira fase da ligazón orbital estará en "pleno servizo" entre finais de 2017 e principios de 2018.

"Entre finais deste ano e principios do ano que vén pode estar en pleno servizo xunto co resto da circunvalación da AP-9", destacou a conselleira, xusto antes de celebrar que se iniciase a execución da primeira fase, que é o ramal cara á A-54.

A este respecto, explicou que se está redactando o proxecto construtivo, que ascende "practicamente" a 30 millóns de euros. Con respecto a este ano 2017, indicou que hai unha partida orzamentaria "concreta".

Sobre a segunda fase, espera que "se poña a andar este ano" e que o reflexo orzamentario sexa "real".

INTERMODAL

No que respecta á estación intermodal de Santiago, considera que é a Xunta a que "tira do carro". Neste sentido, explicou aos medios que a semana que vén, tras "desbloquear urbanisticamente" a estación intermodal e recibir o informe do Concello respecto diso, a Consellería pedirá os informes sectoriais.

Nesta mesma liña, indicou que o trámite urbanístico e o ambiental están "moi avanzados" e que, por tanto, nos próximos meses están en condicións de licitar as obras da estación de autobuses e a pasarela en caso de chegar "pronto" a acordo co Concello para asinar o convenio.

INTEGRACIÓN DO TRANSPORTE ESCOLAR E XERAL

A conselleira tamén foi preguntada pola decisión da Xunta de que os autobuses escolares leven tamén viaxeiros: "É un paso decisivo para o proceso do novo plan de transporte modernizado e reorganizado", defendeu.

A este respecto, explicou que esta aposta do Goberno galego pretende integrar o transporte escolar e o xeneral e que, por tanto, as vacantes do transporte escolar poidan ser empregadas por outros viaxeiros.

"É a mellor fórmula para mellorar a mobilidade do rural, blindando as necesidades do alumnado", asegurou, xusto antes de facer fincapé en que os alumnos chegarán á hora tanto ao colexio como a casa, ademais de estar acompañados por máis coidadores.

Así mesmo, indicou que o próximo día 30 de maio a Xunta sacará a información pública os novos contratos. Este día tamén se coñecerán as tarifas.

VARIANTE DE ARADAS

Outro tema tratado na reunión co Club Financeiro de Santiago foi a Variante de Aradas, unha circunvalación que mellorará a conexión con outros concellos da área de Santiago e que conta cun investimento de seis millóns de euros. "As obras estarán en marcha a principios de xuño", asegurou.

Así mesmo, indicou que a licitación da conexión da Cidade da Cultura coa AP-9 de forma directa será "case inminente".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta