Temas: FORESTAL MADEIRA

Galicia terá unha Axencia da Industria Forestal e un novo Plan Forestal para revalorizar o sector

O obxectivo é revalorizar esta industria, conxugando o respecto ao medio ambiente, o desenvolvemento rural e a procura dunha maior expansión comercial mediante a innovación.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/05/2017 | Actualizada ás 16:50

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este venres que Galicia contará no verán con dúas ferramentas "chave" para revalorizar o sector da madeira: a Axencia Galega da Industria Forestal e o novo Plan Forestal de Galicia. Así o anunciou durante o acto de clausura da celebración do 40 aniversario da Asociación de Empresarios de Primeira Transformación de Madeira de Lugo, onde asegurou que estas dúas iniciativas terán como obxectivo "revalorizar" a industria, conxugando o respecto ao medio ambiente, o desenvolvemento rural e a procura dunha maior expansión comercial, da man da innovación.

Feijóo presenta o novo Plan Forestal
Feijóo presenta o novo Plan Forestal | Fonte: Europa Press

Núñez Feijóo subliñou que o monte galego é paisaxe e patrimonio pero tamén é economía; e incidiu na necesidade de pór en valor os recursos forestais e a capacidade da industria transformadora para darlle valor engadido.

No relativo á Axencia Galega da Industria Forestal, Feijóo explicou que este órgano estará centrado en impulsar o sector cara aos seus retos de futuro, sobre todo para facelo máis competitivo a través da innovación ou da diversificación.

En segundo lugar, a axencia buscará favorecer a transferencia de coñecemento entre empresas e centros públicos de investigación forestal e de mellorar a cualificación dos profesionais que traballan no sector mediante de cursos formativos e a potenciación dos centros de formación agroforestal.

PLAN FORESTAL

Por outra banda, en relación ao novo Plan forestal de Galicia, o presidente do Goberno galego destacou que este nace co fin de "velar" porque aproveitamento da madeira en Galicia se realice de forma "sustentable e respectuosa" co medio ambiente.

Así, o plan priorizará diferentes actuacións, como aumentar a superficie de árbores frondosas caducifolias; fomentar a plantación e a rexeneración de especies como o castiñeiro, o carballo e a cerdeira; racionalizar a superficie de árbores ocupada polo eucalipto de acordo coas necesidades da industria; establecer medidas de control para unha xestión sustentable das especies cinexéticas; aproveitar a biomasa forestal con fins enerxéticos e integrar o I+D+i para facer un estudo periódico, por exemplo, das pragas.

No relativo ás áreas afectadas por incendios, o Plan forestal de Galicia potenciará as actuacións de restauración e a formación das brigadas forestais, desde o punto de vista da investigación e as tarefas de prevención.

Ao longo da súa intervención, o responsable do Goberno destacou que a Xunta está a traballar para ofrecer unha xanela única para autorizar as tallas de madeira e concluíu facendo fincapé na "procura do equilibrio entre a preservación do medio ambiente e o aproveitamento económico do monte".

Temas: FORESTAL MADEIRA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 eusi

Mete medo! #PPaoPParo #PPodresAoCaxó