A persecución

Na miña vila natal había, nos anos da inmediata posguerra, un falanxista que se paseaba polos bares amosando a pistola e exhibindo, colgadas do cinto, un lote de orellas humanas.

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 18/05/2010

Comparte esta noticia

Morreu de vello, no seu leito, igual que Franco, responsable último da desaparición de máis de cen mil persoas naquel tempo. Non se trata agora de xulgar os mortos senón de restaurar a dignidade dos desaparecidos e permitirlles aos seus familiares que os despidan con honra. Mais prodúcese a cruel ironía de que, 35 anos despois da morte do ditador, os herdeiros da Falanxe, protagonista principal dos "paseos" na posguerra, conseguen a inexplicable vitoria de separar o xuíz Garzón das súas funcións, por abrir unha investigación sobre os crimes do franquismo.

Máis aló das simpatías que desperte, do seu pretendido afán de protagonismo ou do tamaño do seu ego, a Garzón hai que valoralo polos feitos. Nos 22 anos que leva na Audiencia Nacional tivo tempo, con seguridade, para cometer moitos erros, pero foi quen de instruír as principais causas xudiciais da historia recente deste país. Ninguén lle pode negar a enorme valentía de investigar as tramas do narcotráfico, de abrir o proceso dos GAL, da persecución de ETA e do seu contorno, de ordenar o encarceramento de Pinochet e de iniciar o proceso do Gürtel, que aínda vai dar moito que falar. Por todo isto converteuse no xuíz español con maior prestixio e proxección internacional. A súa suspensión non é un asunto doméstico senón unha noticia de impacto mundial.

Non é preciso ser catedrático de dereito para entender que a letra pequena e os defectos de forma non poden prevalecer por enriba do sentido universal da xustiza. Este home, que puxo en risco a súa vida por defender causas xustas, que lle fixo fronte a organizacións e tramas poderosas, é agora vítima dunha persecución implacable ordenada e dirixida por aqueles que se senten ameazados por el. O asañamento chega ao punto de non permitirlle unha saída digna na Corte Penal Internacional, onde era reclamado. Non só queren apartalo, senon humillalo e degradar a súa imaxe pública. Mais con esta cacería cruel, realizada sen pudor, só van provocar que a súa figura se agrande. O venres baixou, se cadra por última vez, as escaleiras da Audiencia Nacional, e foi aclamado pola multitude. Desde o coche non puido ver algúns dos vocais que viñan de suspendelo que estaban no bar tomando unhas cañas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.