Copasa entra en Uruguai ao lograr unha autoestrada de 463 millóns

A compañía ourensá, enfrontada con Acciona en Galicia, construirá e explotará durante 20 anos unha vía de case 300 quilómetros

Por E.P. | Compostela | 05/06/2017 | Actualizada ás 17:36

Comparte esta noticia

A compañía ourensá Copasa entrou en Uruguai ao adxudicarse o contrato de obras de construción e posterior explotación durante 20 anos da autoestrada Ruta 14 Centro-Oeste, un proxecto estimado en 463 millóns de euros. Este contrato chega tras ser denunciada por Acciona na adxudicación das obras de acceso ao porto exterior de Ferrol, o que paralizou o proceso.

Obreiro de COPASA
Obreiro de COPASA

Segundo informa a construtora galega, trátase do maior proxecto conseguido ata agora pola firma na rexión, coa que ademais "acelera" a súa estratexia de internacionalización. O contrato conseguido en Uruguai supón construír e posteriormente explotar unha vía de case 300 quilómetros de lonxitude, que ademais abarca a construción de dez pontes e a reparación doutra decena.

Copasa fíxose co proxecto ao "rozar" a puntuación máxima posible no concurso público promovido polo Ministerio de Transportes e Obras Públicas do país para contratar a autoestrada. A firma galega asegura que logrou esta puntuación ao incorporar á súa oferta "numerosas actuacións de mellora". En concreto, expuxo unha solución técnica para rehabilitación do pavimento, e outras relacionadas co trazado, a seguridade e a conservación.

Con este contrato en Uruguai, Copasa potencia a súa expansión internacional. A peche de 2016, tiña no exterior o 56% da carteira de obras pendentes de executar, entón valorada en 1.343 millóns de euros. Na actualidade, a compañía, ademais de participar no consorcio que executa o AVE á Meca, executa distintos proxectos de obras e infraestruturas en Brasil e México.

Copasa e Acciona están enfrontadas en Galicia logo de que a segunda denunciara a primeira por "malversación e cohecho" tras a adxudicación das obras do porto exterior de Ferrol. Unhas acusacións que, tras ser analizadas polo Ministerio de Industria, foron desestimadas. Estas dúas construtoras son as que máis diñeiro público reciben por obras en Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta