Un ano máis e van seis

O padronés Santi Valladares, que iniciou a súa carreira como técnico no Santiago Futsal hai xa 13 anos, renova co primeiro equipo e dirixirá o club compostelán por sexta campaña consecutiva.

Por gcdeportes | Compostela | 06/06/2017 | Actualizada ás 08:06

Comparte esta noticia

Hai xa 13 anos que Santi Valladares comezou a súa carreira como adestrador do Santiago Futsal. Primeiro no equipo xuvenil e posteriormente no conxunto filial, Santi foi medrando co club compostelán, sendo segundo de Venancio López, Pulpis e Tomás de Dios no equipo de Primeira División ata asumir a dirección do primeiro equipo na campaña 2012-2013.

Santi Valladares, nun adestramento no Sar.
Santi Valladares, nun adestramento no Sar. | Fonte: @SantiagoFutsal

Agora, como non podía ser doutro xeito, Santi Valladares renova o seu contrato como primeiro adestrador do Santiago Futsal. Valladares, que leva cinco anos dirixindo o equipo da capital galega e sumará o sexto curso na máxima categoría, é o adestrador con máis campañas a cargo do primeiro equipo do Santiago Futsal.

O técnico de Padrón é profundo coñecedor da estrutura do club e pedra angular da filosofía de canteira que mantén o Santiago Futsal. Segundo o propio club, Santi Valladares encarna os valores do club de “sacrificio, traballo e humildade” e impleméntaos campaña tras campaña no plantel que dirixe. Despois de acadar a salvación de xeito matemático por décimo cuarta tempada consecutiva e alzar a oitava Copa Xunta da historia do conxunto branco, Santi Valladares será o encargado de dirixir o equipo branco na que será a décimo quinta tempada do equipo de Santiago na elite do fútbol sala estatal.

Tras confirmar a continuidade do primeiro adestrador, agora chega a parte máis difícil para o club: conformar un plantel o máis competititivo posíbel cos limitados recursos económicos e tras anunciarse as baixas de Chema Mella e Pablo Tallón por retirada, e Pablo Mel, Dani Montes Chino e Diego Vázquez, que non renovarán.

Santi Valladares, dando instrucións nun partido.
Santi Valladares, dando instrucións nun partido. | Fonte: lnfs.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta