O PP non quere que a Xunta dialogue cos traballadores do 112

Os populares opóñense a que se recupere a súa xestión como servizo público. A oposición denuncia "erros" na nova ferramenta informática e os populares falan de "mentiras" e "falsidades"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/06/2017 | Actualizada ás 17:44

Comparte esta noticia

Toda a oposición apoiou unha iniciativa que partiu de En Marea para solicitar á Xunta no pleno do Parlamento que constitúa unha mesa de diálogo cos representantes dos traballadores do 112 coa finalidade de chegar a un acordo que poña fin á folga.

En Marea traballadores 112
En Marea traballadores 112

Con todo, esta moción, que tamén reclamaba iniciar "os trámites pertinentes" para a recuperación do 112 como servizo público, foi rexeitada cos votos en contra do PPdeG, que argumentou sobre este segundo punto, en palabras da deputada Paula Prado, que "xa é un servizo público". "Outra cousa é a xestión", agregou.

Na súa quenda, a encargada de defender a iniciativa, Eva Solla, advertiu de que "alguén terá que asumir as responsabilidades" por "erros" na nova plataforma informática, implantada na nova sede do servizo, que se trasladou á Estrada (Pontevedra).

Tras "meses" en que os traballadores agora en folga --desde fai algo máis de mes e medio-- levan "pedindo intermediación", Solla destacou que "a ver se Vicepresidencia se digna a sentar", co obxectivo de "resolver un problema que é moi grave" porque afecta as emerxencias de todo o país.

MEDIACIÓN

Pola súa banda, a popular Paula Prado referiuse a a mediación que está a desenvolver o Consello Galego de Relacións Laborais entre a empresa e o comité, e obxectou que "non é capaz" de chegar a unha solución debido a que hai quen pide "que se suba igual aos que viven na Estrada que aos que viven na Coruña". "Non se pode pretender unha subida lineal", aseverou.

O socialista Juan Díaz Villoslada advertiu de que "o problema non é só laboral, que tamén", pola compensación que o comité esixe polo traslado. Así, falou de "incidencias" na plataforma informática e dunha "falta de previsión" en canto a esta ferramenta.

Por parte do BNG, Xosé Luís Rivas, 'Mini', valorou que existen "razóns sobradas" para as esixencias dos traballadores, que "queren máximas garantías porque son conscientes do que teñen entre as súas mans". Afirmou non entender "o modelo do PP que deixa en mans privadas a xestión dun servizo estratéxico" e reclamou "sentidiño" para arranxar o programa.

Para responder a todo isto, Prado atribuíu "mentiras", "falsidades" e "demagoxia" aos grupos da oposición, aos que pediu ser "serios e rigorosos" con "un tema tan sensible". "Se queren xerar inseguridade, alá vostedes", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta