Non contentan a ninguén

O pasado luns estiven en Santiago. Foi un extraordinario día de sol e as rúas estaban ateigadas de xente. Queremos Galego convocou en Compostela a milleiros de persoas de toda idade e condición.

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 27/05/2010

Comparte esta noticia

Mentres tanto o presidente afirmaba, nun acto organizado pola RAG no Courel, que se comprometía a facer un gran pacto pola lingua e que “o galego sobrevivirá sempre que todos os galegos queiran que sobreviva”. Non estou dacordo: o galego debe ser un idioma vivo e útil para a vida diaria, mesmo se dita unanimidade non se dera.
Nestes días, respondendo á demanda dunha amiga, participei como xurado no certame literario dun colexio de Santiago. Pasei dúas tardes lendo relatos escritos en galego por rapaces de oito a dezasete anos. Aprendín moito. Hai nenos que posúen unha imaxinación desbordante. Pero tamén me decatei de que a maioría non utiliza o galego e que elaboran os textos facendo traducción simultánea. O castelán non corre perigo pero o galego sí, de non conseguir que o utilicen os rapaces no patio do colexio.
Sen facer caso do clamor das rúas, a Xunta de Galicia aprobou, días despois, o polémico decreto do plurilingüismo. No mesmo non se establece o dereito e elexir o idioma no que os escolares estudarán cada asignatura (promesa electoral do PP), pero remiten a unha futura Lei de Convivencia Educativa que regule como facer esta e outras consultas.
Non contentan a ninguén; tanto é así que unha organización amiga fala da “baixeza moral” do presidente a quen tilda de mentireiro. Tantas viravoltas teñen difícil explicación. Esta teima lingüicida, este impulso temerario para cometer un suicidio colectivo (eso sería matar a lingua con premeditación) non se entende. Chego a pensar, cando teño o día paranoico, se non será unha inmensa maniobra de distracción para ternos a todos ocupados e preocupados con este tema mentras, á caladiña, están a montar negocios co diñeiro público, que é o que realmante importa a esta dereita neocom que nos goberna.
Na sanidade, que é o territorio que mellor coñezo, están dando pasos de xigante, seguindo os esquemas aplicados en Madrid e Valencia (ambas comunidades ao borde da quebra sanitaria), para fomentar negocios privados á conta dos orzamentos públicos: os proxectos de xerencia integrada e do hospital de Vigo van nesa dirección. Tamén na Coruña houbo un alcalde que estivo moitos anos xogando co “L”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.