Que vai pasar coa obra social da Fundación Barrié?

Galicia pode ser unha das grandes perdedoras da venda do Banco Popular. A Fundación Barrié, unha das entidades privadas que máis gasta en obra social no país, corre o risco de quedarse sen gran parte dos seus ingresos.

Por Manuel Vilas | A Coruña | 07/06/2017 | Actualizada ás 13:59

Comparte esta noticia

A Barrié era o principal accionista galego do Popular. Cando o Popular mercou o Banco Pastor, controlado nun 40% pola Fundación, quedouse co 2,65% das accións resultantes.  Despois, en 2016, cando o Popular ampliou capital en 2016, a participación da Barrié reduciuse ao 1,5%.

Mapa da restauración do Pórtico da Gloria
Mapa da restauración do Pórtico da Gloria | Fonte: Fundación Barrie

Participación valorada en máis de 200 millóns hai uns anos e que hoxe non vale nada. A Xunta Única de Resolución da Unión Europea declarou onte ao Popular entidade inviable. Isto permitiu a amortización de todas as accións do Popular en débeda subordinada (os polémicos CoCos, bonos convertibles continxentes). O Banco Santander faise con todas as accións e con todos os CoCos por un euro. 

ADEUS AOS MILLÓNS POR TER ACCIÓNS

Noutras palabras, a Fundación Barrié  non vai ser accionista do Santander. A entidade coruñesa perde dereito a participar no reparto de beneficios mediante dividendos por acción.

Unha cuestión non baladí, dado que en 2015 a Barrié recibiu 5,03 millóns de euros neste concepto. O ano anterior ingresara máis de 3 millóns polas súas accións.

Feijoo cos bolseiros da Fundación Barrié
Feijoo cos bolseiros da Fundación Barrié | Fonte: GC

VAI O SANTANDER ASUMIR OS ALUGUEIROS DO PASTOR?

Con todo, a principal fonte de ingresos regulares da Barrié non eran os dividendos, senón os alugueiros de oficinas ao Banco Popular. En cumprimento do acordo polo que os madrileños compraron o banco galego, o Popular ten a obriga de alugar á Barrié edificios na Coruña (Cantón Pequeno e Orillamar), Vigo (Colón) e Bergondo (Polígono Industrial). Segundo informara Pablo Barro en Economía Digital, o alugueiro en 2015 supuxo unhas rendas para a Barrié de 5,8 millóns.

Está tamén o Santander obrigado a alugar estas sedes? En que situación financeira queda a Fundación Barrié despois de que as súas accións perderan todo o seu valor? GC tentou realizar estas preguntas a voceiros oficiais da Fundación. Con todo, a postura da Fundación até o de agora é non facer pronunciamento algún. Algo compresíbel debido ao impacto que pode ter na súa viabilidade esta operación.

A Fundación Barrié é unha das entidades privadas que máis gasta en obra social no país, aínda que tamén é certo que a súa actividade reduciuse algo nos últimos anos.  De acordo a súa memoria de 2015, ese ano gastou máis de 8,6 millóns en obra social.

Máis do 40% deses cartos foron partrimonio e cultura. Por exemplo, a restauración do Pórtico da Gloria en Santiago está cofinanciada pola Fundación. Case o 30% para educación, onde a Barrié, entre outras accións, sufraga educación superior no estranxeiro a ducias de mozos galegos todos os anos. No eido da acción social, que acapara o 17% do orzamento, a Barrié indica que beneficiou a máis de 2.200 persoas no seu programa te atención a menores.

BATALLA XUDICIAL Á VISTA

Despois da compra do Santander, existen fundadas dudas sobre se a Fundación poderá manter este nivel de investimento. Unha das variábeis a ter en conta é a xudicial. É moi probábel que os accionistas do Popular intenten algún tipo de iniciativa xudicial para non perder todo o valor das súas accións.

José María Arias Mosquera, ex-vicepresidente do Banco Popular e presidente da Fundación Barrié
José María Arias Mosquera, ex-vicepresidente do Banco Popular e presidente da Fundación Barrié | Fonte: xornal.usc.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

1 Eu mesmo

No Cinco Días listan os 30 principais accionistas ( https://cincodias.elpais.com/cincod... ) e non aparece a Fundación Barrié. Si fose así salvarían uns 30 a 60 millóns de euros. En todo caso, o seu patrimonio vaise reducir aos inmobles: Cantón Pequeno, Cantón Grande e Orillamar na Coruña e Policarpo Sanz en Vigo. En resumo o sobriño fundeu en dez anos máis de 500 millóns de euros!!!

1 EU TAMEN

Un crack este José María Arias. O que ven sendo un "magnífico xestor"