O BNG pide investigar a desaparición do Pastor na comisión parlamentaria de caixas

Os nacionalistas reclaman que Feijóo dea explicacións na Cámara e asuma "responsabilidades" de "liquidar o sistema financeiro galego".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/06/2017 | Actualizada ás 15:29

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, informou de que o seu grupo proporá ao resto de partidos na Cámara que se investigue a desaparición do Banco Pastor —filial galega do Popular— na comisión parlamentaria das caixas.

Banco Pastor-Grupo Banco Popular
Banco Pastor-Grupo Banco Popular

Pontón avanzou que solicitará na reunión da xunta de portavoces da Cámara que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, compareza no Parlamento para "dar explicacións", xa que o acusa de ser "cómplice necesario" dunha "nova estafa bancaria" coa venda do Popular ao Santander e a consecuente desaparición do Pastor.

"Feijóo non necesitou máis que oito anos para liquidar o sistema financeiro galego ao executar de corrida a estratexia de centralización e concentración da banca deseñada polo PP e polo PSOE, que resulta tan prexudicial para o tecido empresarial e para os consumidores", arremete.

Nesta liña, a nacionalista considera "indignante" que tras a "extinción" dun banco galego centenario o titular do Goberno galego "se limite a pedir sensibilidade ao Banco Santander, cando pedirlle sensibilidade á banca é como pór ao lobo a coidar das ovellas".

RESPONSABILIDADES

De feito, a líder do Bloque pregúntase "como foi posible" que se permitise a venda do Pastor a unha entidade que estaba na ruína, e como se deu luz verde a ampliacións de capital que supuña vender accións dun banco sen valor que atraparon a moitos pequenos aforradores, entre eles a traballadores do banco.

Por iso, esixe que Feijóo asuma "responsabilidades", que "non poden saldarse con bágoas de crocodilo no Consello da Xunta", con "miles de postos de traballo" en xogo e "miles de galegos" que perderon os seus aforros.

Ademais, critica que, "outra vez, volveron fallar todos os controis do Banco de España, da CNMV, do Goberno central e galego", á vez que insta a Feijóo a "porse ao lado dos afectados" e a actuar para garantir o emprego. "A única que sae gañando con esta nova estafa é Ana Patricia Botín", recrimina Pontón.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta