Temas: NARCOTRáFICO

Carlos Blanco, Javier Rey e Morris interpretan aos grandes narcos galegos na serie ‘Fariña’

A produción conta o paso do contrabando de tabaco a drogas como a cocaína e haxix en Galicia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/06/2017 | Actualizada ás 13:09

Comparte esta noticia

O actor galego Carlos Blanco interpretará ao narcotraficante galego Laureano Oubiña, mentres que o seu paisano Javier Rey encarnará a Sito Miñanco e Antonio Durán 'Morris', a Manuel Charlín —patriarca do clan—, na serie de ficción de Atresmedia 'Fariña' que se roda en Galicia. Nunha rolda de prensa celebrada en Santiago de Compostela, presentouse este martes a rodaxe da serie, pola que pasarán máis de 120 actores, a maioría galegos, que terá lugar en localizacións naturais de distintos puntos de Galicia durante 26 semanas, ata o mes de novembro.

Presentación da rodaxe da serie Fariña
Presentación da rodaxe da serie Fariña | Fonte: Europa Press

'Fariña', producida por Atresmedia Televisión en colaboración coa produtora galega Bambú Producciones, adapta o libro 'Fariña' de Nacho Carretero, para contar o paso do contrabando de tabaco a substancias como a cocaína, haxix e outras drogas.

O produtor Ramón Campos, tamén galego, explicou que está prevista unha primeira tempada de dez episodios que abarcará o período desde finais dos anos 70 ata a 'Operación Nécora' a principios dos 90. "E se gusta", segundo engadiu, haberá unha segunda tempada con dez capítulos desde a 'Operación Nécora' ata a actualidade.

O galego Javier Rey (Sito Miñanco) protagoniza esta serie, que conta con actores como Tamar Novas (Roque, amigo de Sito), Marta Larralde (esposa e nai das fillas de Miñanco), Celso Bugallo (pai do narco), Mela Casal (nai do narco), Antonio Durán 'Morris' (Manuel Charlín), Xosé A. Touriñán (Paquito Charlín), Carlos Blanco (Laureano Oubiña), Eva Fernández (Esther Lago) e Tristán Ulloa (sarxento da Guardia Civil).

"Os galegos asumían unha época onde ían comprar o tabaco de batea e asumían que aí non pasaba nada e movíanse moitos millóns de pesetas", segundo comentou Ramón Campos ao rememorar cando leu o libro no que se basea a serie. "Non eramos conscientes do que estaba xerminando", apostilou.

Neste sentido, o actor Tristán Ulloa, que encarna ao antogonista dos narcotraficantes, un garda civil que os narcos non logran corromper, afirmou que "era un modo de vida" o dos contrabandistas na época que conta 'Fariña'. "Estaba moi normalizado e establecido", lamentou.

"RH GALEGO"

Ulloa, que chanceou na presentación que pasara "a proba do RH galego" para formar parte do elenco de actores da serie, lembrou que é "galego de adopción" porque pasou a súa adolescencia nos anos 80 en Vigo. Así, resaltou a "obscenidade coa que esta xente campaba ás súas anchas".

"Encántame asumir riscos", resaltou Tristán Ulloa, para asegurar que a historia que rodan "non vai deixar indiferente" a ninguén. Ademais, considerou que aborda "un tema que necesitaba ser contado".

Nesta liña, Carlos Blanco, que lembrou que perdeu un irmán pola droga, afirmou que el o ten "máis doado" que outros actores porque "de Oubiña hai moito material" para configurar o seu personaxe. "Tocoume o gordo", admitiu, para considerar que 'Fariña' representa "unha aposta valentísima" por parte de Atresmedia "por meterse neste tema espiñento".

Mentres, Javier Rey apuntou que "se vive moi intensamente a rodaxe" e asegurou que están "moi enchufados" con esta historia. "Non se fixo ata agora unha cousa así", valorou. "Os actores galegos somos 'cojonudos', fixestes moi ben elixindo", chanceou 'Morris', quen sentenciou que esta serie representa "unha gran aposta".

ASESORAMENTO

Aínda que os produtores admitiron que houbo contacto por parte dalgúns actores cos personaxes reais da serie, preferiron non entrar en detalles. "Non tiven contacto cos encarnados", explicou Ramón Campos para limitarse a sinalar que "parte do elenco fixo os seus contactos".

Porén, asegurou que o equipo falou cun ex-narco que estivo en prisión que lles "axudou a entender como se vía a Oubiña, Charlín, Sito Miñanco..." co fin de contalo "desde o guión".

"Fixemos a adaptación dun libro e non nos saímos dese libro, agás en situacións para dar máis coherencia dramática", explicou a produtora Sonia Martínez. Mentres, o director da serie, Carlos Sedes, tras cinco días de gravación en Galicia, comentou que supón "un auténtico pracer volver" á súa terra e "traballar con actores galegos". Ademais, fixo fincapé no "tema do acento" en 'Fariña'.

Tamén explicaron que recibiron asesoramento da Garda Civil e Aduanas, entre outros corpos de seguridade que operaban na época que narra a serie. "É unha historia de personaxes", sentenciou Campos, para concluír que "os nosos narcos non son de metralleta, os nosos narcos xogan ao dominó". "Era xente do pobo, que tomaba as copas á beira dos outros", apostilou.

Temas: NARCOTRáFICO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Arturo

Para facer de malos, ninguén coma os actores galegos.

1 Al Vi

E a Marcial Dorado quen o interpreta? Nuñez Feijoo