O delegado do Goberno contradí ao Colexio de Xornalistas sobre a actuación policial cos profesionais

Mostra a súa sorpresa polo comunicado do CPXG e di que non existen queixas "formais" sobre a actuación policial durante a marcha pro okupa de hai unha semana.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/06/2017 | Actualizada ás 23:08

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, asegurou que non foi informado previamente o desaloxo do edificio okupado na Algalia de arriba de Santiago de Compostela porque na sentenza o xuíz "di a quen hai que informar". Ademais, móstrase sorprendido polo comunicado do Colexio de Xornalistas (CPXG) e defende que non hai queixas "formais" por parte de xornalistas sobre a actuación policial.

Santiago Villanueva, delegado do Goberno en Galicia
Santiago Villanueva, delegado do Goberno en Galicia | Fonte: Europa Press

Nunha entrevista este domingo na Cadena Ser recollida por Europa Press, Villanueva cualificou de "polémica absurda" a situación aberta tras o desaloxo do local okupado como centro social durante tres anos polo colectivo Escárnio e Maldizer e nega que mantivese algún contacto co rexedor santiagués, Martiño Noriega, desde o día despois da actuación.

Na entrevista, Villanueva mostrou a súa sorpresa pola "rapidez" coa que o Colexio de Xornalistas emitiu un comunicado no que denunciaba "numerosas trabas" ao traballo dos xornalistas por parte dos axentes durante a marcha na que volveron reproducirse cargas logo de que parte dos asistentes accedesen ao patio dun colexio abandonado.

"Preocupoume porque parecía unha queixa da totalidade dos xornalistas. Esa mesma noite eu estiven con moitos xornalistas que traballaran. Non houbo a mínima queixa", incidiu, para logo engadir que non teñen "constancia" de que se produciron queixas formais pola actuación policial relativa ao traballo dos profesionais da información.

"Cando esa queixa vén do Colexio entendo que é xeneralizada do mundo do xornalismo. Non me consta que sexa unha queixa xeral", expresou Villanueva, quen se mostrou "convencido da profesionalidade da policía, que estaba a actuar para defender a legalidade e a orde pública".

COLABORACIÓN

Así, Villanueva foi cuestionado sobre as acusacións de falta de colaboración institucional por parte da Delegación do Goberno emitidas polo alcalde compostelán, molesto por non ter sido informado sobre a actuación policial do 30 de maio.

Deste xeito, defende que a Delegación "sempre mantén colaboración cos concellos e comunícanse as cousas que hai que comunicar" pero que, neste caso, existe "unha sentenza e un auto" no que o xuíz "indica cando e como hai que proceder ao desaloxo", así como "a quen hai que comunicarllo".

"Neste terceiro suposto non indica que se lle debe comunicar ao concello ou á administración autonómica nin a ninguén. É máis, a min non me comunicaron que se procedese ao desaloxo porque é simplemente o cumprimento da sentenza", aseverou.

Por tanto, ve "lóxico" que como delegado do Goberno non fose informado, xa que o xuíz instrutor que ditou a sentenza só estableceu que o desaloxo fose "ordenado" á policía e "comunicado" ao propietario do inmoble.

CONVERSACIÓNS CO ALCALDE

Así mesmo, asegurou que o 31 de maio, un día despois do desaloxo e a posterior protesta que derivou en cargas policiais e enfrontamentos dos axentes con parte dos manifestantes, recibiu dúas chamadas telefónicas: unha do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e outra do alcalde de Santiago.

"Pensei que as dúas chamadas eran no mesmo sentido, pero non era así. O alcalde de Santiago preguntoume por que non o informou, ao cal eu lle respondín que era a consecuencia dunha resolución xudicial que se procedía ao desaloxo. A do presidente da Xunta foi para preguntarme por como estaban os policías feridos", remarcou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 Edelmiro

Quero que entendas unha cousa Santiago. Se o PP non está ilegalizado hai tempo é porque sodes mafiosos, non só vós, senón a meirande parte das estructuras do Estado. Iso sábeo calquera. Non o saben os que vos votan. Non é por nada pero cando queiras preséntochos. A meirande parte deles non tenhen nen estudos primarios. E os outros que tenhen máis estudos é porque sabían regras de 3, onde desembocaban os ríos, cal eran os máis caudalosos, cal era o montanha máis alta de Espanha e cousas polo estilo. Así que non me venhas con hsitorias.

3 Gamela

O Delegado do Goberno en Galicia seica a colle con papel de fumar... moita legalidade e moita sentenza pero as MULTAS de 30.000 euros son multas ADMINISTRATIVAS i esas é cousa súa e só súa... Así que xa pode ir collendo a maleta e sair polo mesmo camiño que tomou o xardiñeiro que estaba ao cargo da Garda Civil... e que lle poñan un sillón nalgunha empresa de Seguridade ou Defensa para seguir chupando da canoa... coma todos os que conculcan o dereito de manifestación e a liberdade de expresión !!!!

2 Argonauta

Hai que té-la de cemento.....aínda quererán unha Medalla con incremento de soldo incluido....entre os Manifestantes coñezo a moitos con Estudos Superiores....entre os Antidisturbios estou seguro que ningún.....polo menos os da miña familia son os fracasados escolares, de turno, do clan.......tipo cipaiomononeuronalNostrus.

1 Argonauta

Queixas formais, dí o paxaro este...aínda por riba de aturar os Porrazos Recochineo.............paréce-lle pouca a Queixa do Colexio en cuestión??