Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 04/07/2017 | Actualizada ás 08:00
Como punto de partida para implementar medidas de mitigación e adaptación ao cambio climático en Galicia é necesario un inventario de gases de efecto invernadoiro. Porén, os únicos inventarios do país dispoñibles estaban limitados ás emisións territoriais daquelas actividades de produción que se espera causen unha degradación ambiental importante. Agora, un equipo de científicas da Universidade de Santiago de Compostela e do ELSA (Environmental Life Cycle and Sustainability Assessment) de Montpellier (Francia) presenta o estudo máis detallado feito sobre a pegada de carbono de Galicia, un traballo que, segundo as súas autoras, supón un "salto de escala" ao considerar o dobre cálculo, medindo por vez primeira as emisións directas e indirectas de todas as actividades de produción e consumo en Galicia.
A pegada total de carbono no país elévase a 52,7 millóns de toneladas de CO2 equivalente ao ano: 17,8 millóns de toneladas por actividades de consumo e 34,9 millóns por actividades de produción, segundos os datos recollidos por Laura Roibás e Almudena Hospido, da USC, e Eléonore Loiseau, do ELSA.
Os resultados deste traballo publícanse na revista científica Journal of Environmental Management (Volume 198, Part 1, 1 agosto 2017, páxinas 289–299), no artigo 'Determination of the carbon footprint of all Galician production and consumption activities: Lessons learnt and guidelines for policymakers',
A pegada media de CO2 equivalente para cada habitante de Galicia por actividades de consumo é de 5,7 toneladas ao ano.
EMISIÓN DE GASES POR CONSUMO
A pegada de carbono das actividades de consumo en Galicia é de 17,8 MtCO2e/ano, cun 88% asignado aos habitantes galegos e un 12% ao consumo turístico.
Máis detalladamente, a pegada media de CO2 equivalente para cada habitante de Galicia por actividades de consumo alcanza as 5,7 toneladas ao ano e o total do que xeran os residentes no país é 15,7 millóns de toneladas.
A metodoloxía proposta polas autoras deste estudo tamén identifica os principais contribuíntes ás emisións de gases de efecto invernadoiro e mostra onde deben realizarse os esforzos de redución en Galicia. Así, o principal contribuínte á pegada de carbono dos habitantes é a vivenda (31%), seguida polo consumo de alimentos (29%), transporte (17%), consumo de bens (12%) e servizos (11%).
Ao medir as emisións dos fogares, as vivendas unifamiliares son responsables da maior parte das emisións (60%), mentres que os pisos xeran o 40% restante. En ambos os casos, as principais fontes de emisión son a electricidade (que representa o 34% das emisións en casas e o 46% en pisos) e a calefacción (47% en casas e 34% en pisos, debido ao uso de combustibles fósiles). En canto ao transporte, os automóbiles privados supoñen o 79% das emisións, seguidos polos autobuses (13%).
No que se refire á alimentación, os principais factores son os produtos cárnicos (43%), seguidos polos produtos lácteos (principalmente leite e queixo líquido, 15%) e mariscos (5%).
Dentro do consumo de bens, a compra de derivados de petróleo xera a maior proporción de pegada de carbono (33%), seguida polos automotores (12%) e os téxtiles e marroquinería (12%).
Por último, os principais contribuíntes dos servizos son os servizos de comidas e bebidas (48%), a reparación e o mantemento do automóbil (10%) e as telecomunicacións (7%).
Os turistas que visitan Galicia xeran en total 2,1 millóns de toneladas de CO2 equivalente ao ano.
PEGADA DO TURISMO
Aos gases emitidos polo consumo dos residentes en Galicia súmase a pegada de carbono das actividades de consumo medio dun turista que vén a Galicia, determinada e comparada neste estudo coa dos habitantes no país. Así, os turistas que visitan Galicia xeran en total 2,1 millóns de toneladas de CO2 equivalente ao ano, o que engadido ao producido polos galegos suma un total de 17,8 millóns de toneladas.
As autoras do estudo tamén confirmaron que a pegada de carbono dun turista por día é moito maior ca dun habitante en Galicia, en todas as categorías consideradas. No consumo de turismo, a maior fonte de impacto é o transporte (59%), especialmente o transporte terrestre (43% das emisións, das cales o 92% corresponden a automóbiles particulares). O aloxamento é responsable do 27% das emisións que producen o consumo do turismo en Galicia e a alimentación, do 14%. De todas as opcións de aloxamento, o cámping é a menos intensiva en emisións de gases de efecto invernadoiro.
EMISIÓNS POR PRODUCIÓN
A pegada de carbono da produción galega alcanza os 34,9 millóns de toneladas de CO2 equivalente ao ano e o seu principal contribuidor ié a produción de electricidade (21%), seguida da fabricación de alimentos (19%).
O total da pegada do sector primario galego alcanza 3,4 millóns de toneladas por ano, sendo a a produción de alimentos de orixe animal a principal fonte (69%). Entre os alimentos de orixe animal, os produtos máis contaminantes son a produción de leite (1,5 MtCO2e/ano), seguida da carne de vacún (315 ktCO2e/ano) e a carne de ave (225 ktCO2e /ano).
Na xeración de electricidade, a combustión do carbón é o principal contribuínte á pegada de carbono, representando o 92% dos impactos da categoría e só o 31% da xeración de enerxía no país, onde a enerxía hidroeléctrica (32% da produción) e eólica (27%) son as outras fontes principais de electricidade, achegando só 26 ktCO2e/ano 79 ktCO2e/ano, respectivamente.
A refinaría de Repsol en Meicende é responsable de 2,6 millóns de toneladas de CO2 equivalente ao ano.
A pegada de carbono do sector servizos alcanza os 2,32 MtCO2e /ano, pero só 36 tCO2e/ano corresponden aos datos de inventario considerados dentro do sector (consumo de electricidade, calor e auga). As restantes emisións corresponden á fabricación dos bens adquiridos dos demais sectores galegos e asígnanse ao sector dos servizos.
Respecto ao sector do transporte (1,6 MtCO2e/ano), o de pasaxeiros representa o 89% da pegada de carbono e deste, o 86% corresponde ao transporte en automóbiles particulares. As emisións de transporte de mercadorías representan o 11% restante, do cal o 97% corresponde ao transporte por estrada. O sector manufactureiro representa 19,7 MtCO2e/ano.
No sector da fabricación de alimentos (6,5 MtCO2e/ano), a maior proporción da pegada de carbono corresponde á produción de carne (31%), seguida polos produtos do mar (21%) e a produción de leite líquido (14%). A importancia dos impactos tanto da produción gandeira como da de mariscos é consistente coa do sector primario e corresponde á súa relevancia tradicional dentro das actividades produtivas galegas, segundo se explica no estudo.
En canto á fabricación de produtos derivados do petróleo (2,6 MtCO2e/a), todos os impactos corresponden ao refinado de petróleo (100%) e máis especificamente aos impactos da única empresa en Galicia dedicada a esta actividade, a refinaría de Repsol en Meicende, en Arteixo, A Coruña.
Por último, a pegada de carbón da fabricación de vehículos automotores (2.7 MtCO2e/a) divídese entre as emisións tanto de fabricación de vehículos (70%) como de pezas (30%), correspondentes a unha grande industria automotriz situada en Vigo (Citroëne e GKN) e as numerosas empresas máis pequenas que fornecen as pezas que utilizan.
As emisións per cápita en Galicia son menores que en países como Estonia, Letonia, Lituania, Noruega, Xapón, Reino Unido, Estados Unidos, Australia e Suíza.
Comparación da pegada de carbono producida polo consumo en Galicia en comparación cos datos doutros autores para diferentes rexións do mundo e seguindo diferentes metodoloxías. A) expresado per cápita; B) Expresado por unidade de gasto (dólares estadounidenses). H+T+D agrupa os resultados da vivenda, o transporte e as súas emisións directas. N/A significa non dispoñible / Fonte: L. Roibas et al., en Journal of Environmental Management 198 (2017) 289-299.
CONTAMINANOS MENOS CA OUTROS PAÍSES
O estudo complétase cunha análise comparada entre estes datos de emisións por consumo obtidos para Galicia e outros resultados acadados nas investigacións máis recentes, con distintas metodoloxías, para Estonia, Letonia, Lituania, Noruega, Xapón, Reino Unido, Estados Unidos, Australia e Suíza. Os datos mostran que as emisións per cápita en Galicia son menores que nos demais países comparados.
Ao enfocarse na categoría de vivenda, transporte e emisións directas, obsérvase que a pegada de carbono galega está entre as máis baixas dos estudos analizados en distintos países. As diferenzas, apuntan as autoras, poden deberse á menor utilización da calefacción en Galicia en comparación cos restantes países do norte, a diferentes hábitos de transporte ou a limitacións inherentes ao enfoque de abaixo cara arriba utilizado para calcular a pegada de carbono de vivenda e transporte. Este último, con todo, din que parece pouco probable, xa que os resultados doutros estudos con enfoques de arriba cara abaixo (Estonia, Xapón) son máis baixos que os atopados en Galicia.
Os resultados para o territorio galego das restantes categorías —alimentos, bens e servizos— son tamén inferiores aos que se atopan na literatura científica sobre os demais países, coa excepción do estudo da UE. Para as autoras do estudo, as maiores emisións atopadas aquí para os alimentos e os servizos poden corresponder a diferenzas nos patróns de consumo ou ao uso dunha base de datos estadounidense de 2002, que probablemente sobreestima a pegada de carbono da produción de electricidade cando se utiliza no canto dos datos europeos.
Os datos comparados tamén se presentaron por unidade de gasto (dólares estadounidenses), obtendo así a intensidade de carbono de cada rexión. A galega atópase dentro do rango atopado na literatura, aínda que é inferior ao valor medio doutros estudos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.