Polémica pola revelación do roubo dun cadro de Martínez Villafínez no Museo de Pontevedra

A obra foi subtraída hai case dous anos pero foi agora cando se fixo público o roubo grazas ao presidente da Asociación Amigos do Museo, moi crítico cos xestores. O director, Carlos Valle, rexeita as críticas e asegura que a desaparición "non se ocultou".

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 28/06/2017 | Actualizada ás 14:58

Comparte esta noticia

Un cadro do autor Lino Martínez Villafínez foi subtraído do Museo de Pontevedra hai case dous anos. A peza atopábase exposta na colección do Sexto Edificio. A desaparición, revelada polo presidente da Asociación Amigos do Museo, Ernesto Vázquez-Rey, a través das redes sociais, foi confirmada este mércores polo propio director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle.

Museo de Pontevedra
Museo de Pontevedra | Fonte: FirkinCat en Wikipedia.

En concreto, Valle desvelou que o roubo se rexistrou en agosto de 2015, asegurando que se presentou denuncia "inmediatamente detectada esa desaparición". A continuación formulouse o pertinente parte ante a compañía de seguros que se fai cargo da póliza que asegura todo o contido do Museo.

Os investigadores da Policía rastrexaron as instalacións e revisaron todas as gravacións do circuíto interno de vixilancia sen obter resultados, dado que o cadro atopábase nun "ángulo morto" para a visión das cámaras.

Tamén quixo rexeitar as críticas por falta de transparencia ante este caso, dado que a desaparición "non se ocultou". "Fíxose exactamente o que se ten que facer nestes casos", insistiu Carlos Valle, que presentou denuncia persoalmente ante as autoridades. "Non é unha circunstancia como para enviar unha nota de prensa", insistiu.

Este mércores o actual responsable político do Museo, o deputado de Cultura, Xosé Leal, defendeu que esta institución é "seria e rigorosa" no seu labor científico e administrativa polo que rexeitou as acusacións de escurantismo e as teorías de "política ficción", advertindo de que tentar manchar a imaxe do Museo con esas afirmacións desacredita a esa xente".

"Paréceme ata vergoñoso, aquí séguense as canles que hai que seguir por lei", afirmou.

DURAS CRÍTICAS DE VÁZQUEZ-REY

"Catastróficas desdichas". Así cualifica Vázquez-Rey o que vén ocorreron no Museo de Pontevedra "por indicación dos políticos que rexentaban o sitio, co seu mellor criterio de superioridade xerárquica, e coa colaboración dalgúns técnicos que, buscando o seu propio beneficio, sacrificaron o interese xeral e, de paso, o noso patrimonio cultural", láiase nun artigo publicado recentemente no seu sitio web persoal, no que revelou por primeira vez o roubo da obra de Martínez Villafínez en 2015, do que non se tiña constancia.

Velaquí un extracto desa denuncia pública:

Os tabús están habitualmente cubertos por un manto de silencio e, as máis das veces, abordar estes temas é extremadamente complexo. Como nos din dende o ICOM “la idea ha sido muy bien restituída en el cartel 2017: destaca lo que no se dice o lo que no puede ser dicho fácilmente. Invita sobre todo a romper las cadenas del silencio para liberar las voces y apaciguar las conciencias compartiendo conocimientos entre el público y el Museo“.

E é precisamente ao que veño disposto, a desvelar historias escondidas e a expoñelas á luz pública co fin de darlle algunha explicación.

Hai aproximadamente dous anos desapareceu un cadro no Museo de Pontevedra, e ninguén dixo nada.

En 2015 un perfil anónimo na rede social Facebook achegóume unha serie de datos, dando por efectiva a desaparición da obra de Villafínez, indicándome a falta de gravacións que deitaran luz sobre o suceso. Cabe sinalar que naquela altura o director do Museo, Carlos Valle, estaba “limitado” no exercicio das súas funcións por un director de xestión nomeado pola deputada provincial que hoxe dirixe a Cidade da Cultura de Galiza, ao tempo, responsábel política do Museo.

O certo é que alguén, valéndose dunha colaboración estratéxica, sacou unha paisaxe do pintor Lino Martínez Villafínez dunha das paredes do sexto Edificio e esa obra, que é pública e que ten a protección de Ben de Interese Cultural, nunca máis volveu aparecer.

Abrollan as preguntas, para as que tristemente eu (aínda) non teño respostas.

O que teño son simples conxeturas que semellan evidencias: poidera ser que alguén aproveitara o cambio de goberno da Deputación Provincial para agochar no propio edificio, ou sacar ao exterior, unha obra de valor económico menor e pouco volume. Quizáis non haxa gravacións de seguridade, porque algunha persoa con poder suficiente, daquela, dera orde de eliminar as mesmas. E incluso, podería darse o caso de que participasen na trama de desaparición do cadro outras persoas. Actores ou actrices dispostas a representar un particular asalto cultural.

Está claro que nunca é bo momento para anunciar que desapareceu algo, pero non se pode ser transparente e xestionar o público dilixentemente sen intentar que as inxustizas sexan reparadas e que aquelas persoas que fosen responsábeis asuman as consecuencias dos seus actos.

Na vida, como na arte, non hai valor se non hai verdade, e é o único que precisamos para saber quen roubou o Villafínez

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 desgustado

Tamén se fala de desaparicións na colección numismática do Museo de Pontevedra.