CIG reclama en Santiago un convenio "xusto" a nivel nacional no sector da seguridade privada

Acusan á patronal de querer repercutir nos dereitos laborais unha serie de "custos ocultos" que non poden aplicar nas tarifas a clientes

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/06/2017 | Actualizada ás 14:12 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Un centenar de traballadores do sector da seguridade privada percorreron as rúas de Santiago de Compostela este xoves para reclamar un convenio "xusto" a nivel nacional e para denunciar "a parálise total" na que se atopa o proceso de negociación.

Protesta de CIG Seguridade
Protesta de CIG Seguridade | Fonte: Europa Press

A marcha, convocada pola federación de seguridade de CIG, partiu ao redor das 11,30 horas da compostelá Avenida de Barcelona a berro de "convenio aquí e non en Madrid" ou "abuso patronal, resposta sindical".

A protesta concluíu na Praza do Toural, onde, en declaracións aos medios, o secretario nacional da negociación colectiva de CIG Seguridade, Pedro Pérez, cualificou de "incongruentes" as propostas da patronal na negociación do convenio que só profundan no "recorte dos dereitos dos traballadores" do sector.

Así, censurou a "parálise total" do proceso de negociador, iniciado en novembro pero que "foise atrasando oito meses" ata que, o pasado mes de abril, as partes decidiron sentar. "Desde aí, o único que se deron foron pasos atrás", apostilou Pérez.

E é que, segundo o representante de CIG Seguridade, a patronal do sector pretende "a conxelación da antigüidade", "o incremento da xornada" e recortar "o complemento da incapacidade temporal (IT)" ou os "permisos".

Todo iso, prosegue Pérez, porque as empresas entenden que "estes dereitos" dos traballadores teñen "un custo laboral oculto" que non pode ser "repercutido" nas tarifas aos clientes e que, por tanto, deben ser "asumidas" polas compañías.

MESA, O 5 DE XULLO

A CIG emprazou á próxima reunión da mesa de negociación que terá lugar o próximo 5 de xullo, de cuxo resultado dependerá a convocatoria de novas mobilizacións, que terán un carácter máis local e comarcal.

O último convenio sectorial de seguridade a nivel estatal corresponde ao período 2015/16. Con todo, tivo que ser renegociado logo de que a CIG leva aos tribunais que as empresas non abonasen a media ponderada dos 'pluses' durante os meses de vacacións

"Gañouse a sentenza e houbo que renegociar. Pero para poder abonar o custo da demanda, reducíronse os 'pluses' de nocturnidade, festividade e outros do convenio. O que ti consegues no xulgado, están a tiralo despois", remarcou.

BENEFICIOS EMPRESARIAIS E DEREITOS LABORAIS

Por tanto, acusan á patronal de "querer equiparar os convenios por baixo dos convenios das empresas para seguir tendo beneficios", un extremo permitido por "a maldita reforma laboral".

Así as cousas, Pérez manifestou que a central nacionalista oponse "totalmente" a esta cuestión porque supón unha diminución de dereitos para os traballadores dun sector que perdeu "un 12 por cento de poder adquisitivo" desde o inicio da crise económica.

"Como din que se está recuperando a economía nós tamén queremos recuperar a nosa", engadiu, para logo negar que as empresas do sector "estean nunha fase de quebra técnica por culpa de que non se asumen os contratos dos clientes".

"É totalmente falso. As empresas seguen mantendo a súa marxe de beneficios á conta de que nós reducimos os nosos dereitos e nosas incrementos salariais.", incidiu.

UNIDADE SINDICAL

Cuestionado sobre a relación coas federacións de seguridade dos outros sindicatos, o representante da CIG criticou ás outras centrais por "asinar retrocesos" de dereitos. "É moi difícil crer na unidade sindical cando sempre che deixan atrás e asinan o que asinan".

Neste sentido, indicou que os nacionalistas están a favor da unidade sindical a condición de que esta teña que ver "cuns valores e criterios claros".

"Se nalgún momento eles din que non van retroceder nin un só centímetro e que imos ter unha proposta de avances, que o manteñan ata o final", concluíu.

Durante o transcurso da marcha, un dos participantes foi identificado pola Policía Nacional polo lanzamento de varios petardos.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta