Publican íntegra por primeira vez a obra de Valle-Inclán escrita tras vivir a I Guerra Mundial en Francia

A Universidade de Santiago de Compostela publica 'La media noche. Visión estelar de un momento', relato de ficción do autor galego como correspondente do Imparcial en 1916.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/06/2017 | Actualizada ás 15:01

Comparte esta noticia

A Cátedra Valle-Inclán da Universidade de Santiago de Compostela (USC) publicou de forma íntegra por primeira vez 'La media noche. Visión estelar de un momento', relato de ficción do autor galego que escribiu por mor de viaxar a Francia en 1916 para cubrir como correspondente do Imparcial a I Guerra Mundial.

Publican íntegra por primeira vez a obra de Valle-Inclán escrita tras viaxar á Guerra Mundial en Francia
Publican íntegra por primeira vez a obra de Valle-Inclán escrita tras viaxar á Guerra Mundial en Francia | Fonte: Europa Press

As profesoras Margarita Santos Zas, da Universidade de Santiago de Compostela, e Bénédicte Vauthier, da Universidade de Berna, presentaron este volume da biblioteca Cátedra Valle-Inclán do que son editoras.

Da súa visita a Francia, Valle-Inclán deixou constancia nun diario de viaxe, o cal se transformaría máis tarde nesta obra de ficción sobre 24 horas na fronte da guerra no país galo. Así mesmo, trátase da reescritura dun proxecto editorial previo titulado 'Un día de guerra', que apareceu no Imparcial en dúas partes ('Media noche' e 'En la luz del día').

Así, neste novo libro as autoras ofrecen dous volumes autónomos de 'La media noche' e de 'Un día de guerra', acompañados dunha obra de máis de 200 páxinas nas que, entre outras cuestións, faise unha análise filolóxico e histórico-interpretativo dos textos. Inclúense tamén reproducións facsímiles de manuscritos inéditos, así como galeradas de exemplares do Imparcial.

Esta publicación é un proxecto iniciado en 2014 debido a unha investigación subvencionada polo Fonds National Suisse de Recherche Scientifique (FNS). Na presentación deste xoves en Santiago participaron ademais a vicerreitora de Internacionalización da USC, Almudena Hospido; a directora da Biblioteca Universitaria da USC, Isabel Casal Reyes; e o director de Publicacións da USC, Juan L. Blanco Valdés.

AUTORAS

A profesora de Literatura Española Margarita Santos Zas dirixe desde 1994 numerosos proxectos do grupo de investigación Valle-Inclán (Givius). É autora de diversas monografías e edicións de autores do século XX, así como directora da Cátedra Valle-Inclán.

Pola súa banda, Bénédicte Vauthier é catedrática de Literatura Española na Universidade de Berna e directora do Instituto de Lingua e Literaturas Hispánicas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta