Descobren en Adro Vello mostras de peixe de hai 1.700 anos e restos de 7 persoas

Entre os corpos, inhumados entre os séculos V e XVII, hai un esqueleto dun recén nado.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2017 | Actualizada ás 18:05

Comparte esta noticia

Investigadores das universidades de Vigo e Santiago realizaron no xacemento da factoría romana de salgadura de Adro Vello (no municipio pontevedrés do Grove) un achado sorprendente: mostras de peixe de 1.700 anos de antigüidade, e restos de 7 persoas, tres delas menores dun ano e un bebé recentemente nado.

Investigadores descobren peixe de hai 1.700 anos e restos óseos en Adro Vello
Investigadores descobren peixe de hai 1.700 anos e restos óseos en Adro Vello | Fonte: Europa Press

O director técnico do estudo, o investigador Adolfo Fernández, do Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo, presentou este venres os resultados da intervención, realizada ao amparo do proxecto de I+D Marie Curie Talent do Campus do Mar, financiado con fondos europeos.

Segundo explicou, o obxectivo do equipo era rexistrar a factoría romana de salgadura mellor conservada de Galicia, e que foi abandonada sobre o ano 300 d.C. Para iso, os investigadores tiveron que limpar o xacemento, cuberto de maleza, e baleirar os recheos realizados tras a última escavación, que tivo lugar hai xa 27 anos.

RESTOS HUMANOS

A primeira sorpresa chegou ao empezar a escavación posto que, aínda que se prevía a aparición de tumbas, os arqueólogos lograron identificar os esqueletos de polo menos 7 persoas, inhumadas en diferentes períodos, entre o século V ou VI ata o XVII.

Parte dos restos óseos de humanos localizados na necrópole de Adro Vello
Parte dos restos óseos de humanos localizados na necrópole de Adro Vello | Fonte: UVigo.

A antropóloga Olalla López, da USC, explicou que a importancia do achado reside en que "a conservación é moi boa", non había construcións encima, "cobre moitísimo tempo", e "queda moito por escavar". "É unha necrópole moi importante e dános a posibilidade de coñecer como era a xente que vivía alí, que dieta tiña, que enfermidades, etc.", subliñou.

Así, nesta intervención identificáronse 7 esqueletos: un deles pertence a un bebé recén nado, outros dous son de nenos de menos dun ano de idade, un cuarto pertence a outro neno duns 10 anos, e os tres restantes son de adultos.

PEIXE DE HAI 1.700 ANOS

Por baixo do nivel da necrópole, os arqueólogos escavaron un dos pilos da factoría romana de salgadura, e conseguiron extraer numerosas mostras de peixe (peixes pequenos triturados, restos de espiñas, escamas, etc.), o que constitúe un achado de gran valor, posto que non existen precedentes destas características.

"Isto permitirá coñecer a industria da salgadura, o tipo de pesca que se practicaba, a propia evolución dos peixes", subliñou Adolfo Fernández, quen confirmou que o seu equipo recibiu xa varias peticións doutros investigadores para analizar esas mostras.

Restos de malacofauna, en especial ostras, e doutros moluscos asociados ao consumo, completan os achados localizados nos píos, cuxos morteiros tamén serán estudiados. Nas análises dos achados participarán investigadores da Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía.

En definitiva, segundo recoñeceron os responsables científicos, a intervención arqueolóxica en Adro Vello supuxo unha caixa de "sorpresas" xa que, o que empezou como o rexistro dunha fábrica romana de salgadura, acabou coa aparición de restos de peixe de 1.700 anos de antigüidade e a confirmación da existencia dunha importante necrópole. "Este material vai dar resultados de investigación durante moitos anos", recalcou Olalla López.

Vista do xacemento romano de Adro Vello
Vista do xacemento romano de Adro Vello | Fonte: UVigo.
Intervención no xacemento de Adro Vello
Intervención no xacemento de Adro Vello | Fonte: UVigo.
Restos óseos dun cativo de 10 anos atopados no xacemento de Adro Vello
Restos óseos dun cativo de 10 anos atopados no xacemento de Adro Vello | Fonte: UVigo.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta