Defender a alegría

Estes días pasados estiveron aquí uns amigos andaluces. Andivemos pola península do Barbanza e paseamos as rúas de Santiago e Coruña.

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 31/07/2010

Comparte esta noticia

Facía moito tempo que non visitaban Galicia e agardaban ver unha terra sombría, as mulleres de loito co pano na cabeza, as estradas impracticables e a xente recollida darredor da lareira. Pola contra, atoparon un territorio luminoso (o sol acompañounos nestas xornadas), unha rede viaria de primeiro nivel, unhas cidades fermosas e cheas de vida e unhas casas acolledoras e confortables.

Semella que teñen que vir de fóra para decatarnos de que non estamos tan mal. Porque esa é a realidade: Galicia nas últimas décadas deu un salto cualitativo e xa non estamos entre os pobos máis pobres de Europa. Xa non somos a terra aldraxada e colonizada que ainda predica algún nacionalismo rancio e antiguo. Hoxe somos un país próspero, emprendedor e capaz, instalado na modernidade, que pode mirar o futuro sen medo e con plena confianza nas súas posibilidades. A Galicia pobre e triste que eu coñecín na miña infancia xa non existe. A nosa vida é mellor que a dos nosos pais, e os nosos fillos son máis altos, máis fermosos e están mellor preparados ca nós. Temos xente cualificada, con iniciativa e capacidade para xenerar proxectos de futuro.
O cambio producido no agro é paradigmático. Hai poucos meses visitei algunhas granxas, acompañando ao meu amigo Turnes, e decateime de que xa non existe o cadro da vaquiña pola corda pacendo polas gábeas. As granxas de hoxendía están dotadas de alta tecnoloxía. As vacas dispoñen dun control alimentario e sanitario estricto, as salas de muxir están hixiénicas coma quirófanos e o funcionamento das granxas está controlado informáticamente. Pese a todas as dificultades o campo modernizouse, igual que todo o país.

Pero os nosos gobernantes, na vez de alimentar a autoestima e a capacidade emprendedora crearon un discurso autoexculpatorio (esta crise non nos permite facer nada), que fomenta o medo e a mentalidade subsidiaria das nosas xentes (estamos en dificultades, que veñan a axudarnos). O actual presidente só ve buratos orzamentarios, atrancos no camiño e carencia de axuda exterior (a culpa de todo é do goberno central). É necesario outro discurso. En vez de instalarnos no lamento e na autocompasión precisamos construir un espazo de confianza que permita defender a alegría polo camiño andado e afrontar o futuro sen temor.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.