Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/07/2017 | Actualizada ás 17:44
A asociación animalista 'Galicia, Mellor Sen Touradas' propuxo elevar a idade mínima de acceso ás corridas de touros aos 16 anos, unha iniciativa secundada pola Fundación Franz Weber. As plataformas alegan "seguir as recomendacións" do Comité dos Dereitos do Neno das Nacións Unidas.
A exposición pública do anteproxecto de Lei de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia finaliza este luns. As asociacións animalistas expoñen outros cambios normativos como que sexan os concellos os que autoricen ou non os eventos taurinos, "por resultar a institución máis próxima á cidadanía" e por "responder a criterios de coherencia, xa que son os que outorgan licenzas de apertura de establecementos", segundo apuntaron as dúas plataformas nun comunicado.
As dúas organizacións pretenden tamén a prohibición da instalación de prazas de touros portátiles, "igual que en Cataluña e Illas Baleares, a partir de criterios de seguridade cidadá", segundo afirmaron.
Ambos os colectivos cargaron, ademais, contra "aqueles concellos gobernados polo PP, como Valga ou Moraña", nos que, din, "se subvencionan novilladas e capeas como política de adoutrinamento sobre a tauromaquia". As asociacións reuniron 26.000 firmas para a prohibición deses actos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.